A filóloga Kathleen March entrará na RAG como académica de honra o día 23 en Mondariz

Lerá un discurso titulado Máis alá do manifesto, nunha cerimonia que terá lugar no Balneario de Mondariz (O Condado).

A filóloga Kathleen March. (Foto: Santos Díez)
photo_camera A filóloga Kathleen March. (Foto: Santos Díez)

A catedrática emérita da Universidade de Maine (Estados Unidos) e filóloga Kathleen March ingresará na Real Academia Galega (RAG) como membro de honra o sábado 23 de setembro. Segundo trasladaron desde a institución, a filóloga, nada en Rochester (Nova York, EUA) en 1949, é autora de traducións e estudos "fundamentais para a proxección internacional da cultura galega" e fundadora da Galician Studies Association. Lerá un discurso titulado Máis alá do manifesto, nunha cerimonia que terá lugar no Balneario de Mondariz (O Condado).

A Academia volverá celebrar 103 anos despois da recepción de Ramón Cabanillas, salientan, a entrada dun novo membro na corporación neste espazo convertido nun "auténtico centro de promoción e mecenado da cultura galega".

O auditorio Infanta Isabel do Balneario de Mondariz acollerá a partir das 17.30 horas a sesión académica, aberta ao público até completar a capacidade do salón e que concluirá cun concerto de Amancio Prada.

A directora da Sección de Lingua da Real Academia Galega, Rosario Álvarez, será a encargada de dar resposta ao discurso da profesora estadounidense. A autora chegou por primeira vez á Galiza no ano 1975 para investigar a poesía de Manuel Antonio, coautor do manifesto Máis alá (1922), evocado no título do ensaio co que ingresará na RAG.

Comentarios