A exclusión do galego no ensino acelérase desde 2010

A saúde do galego é crítica. Tanto é así que se trata da lingua que sofre unha caída máis acusada de todas as que teñen rango de oficialidade no Estado. 23,90% das persoas menores de 15 anos residentes no país declaran non saber falalo. O último informe da Real Academia Galega sobre a incidencia da lingua do país na infancia debuxa un panorama moi preocupante.
O último estudo da RAG constata que a 'desgaleguización' comeza en idades temperás. (Foto: Arxina)
photo_camera O último estudo da RAG constata que a 'desgaleguización' comeza en idades temperás. (Foto: Arxina)

O proceso de substitución lingüística do galego polo español avanza de modo sostido e continuado desde as tres últimas décadas. Neste sentido, os diversos estudos elaborados desde a publicación do primeiro Mapa Sociolingüístico da Galiza, realizado pola Real Academia Galega (RAG) en 1992, certifican unha caída constante de falantes. Precisamente, esta perda de usuarias e usuarios coincide coa introdución do idioma en novos ámbitos, onde tradicionalmente foi excluído.

O último informe presentado pola Real Academia Galega (RAG) vén confirmar esta tendencia. Neste sentido, recolle que as dinámicas de 'desgaleguización' nas novas xeracións inícianse "moi cedo", nos primeiro anos de escolarización, e afectan "o proceso de adquisición da fala". Asemade, repara na incidencia da lexislación nos comportamentos lingüísticos, certificando que "a aplicación do Decreto do Plurilingüismo de 2010 estivo relacionado coa volta do desprazamento que se viña producindo no marco das relacións horizontais".

Os datos de informe non sorprenden ao presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. En declaracións a Nós Diario sinala que "estas cifras confirman algunhas das xa ofrecidas con anterioridade pola Mesa en dous estudos elaborados en 2013 e 2014, onde xa se observaba unha auténtica exclusión como consecuencia da aplicación da normativa xurdida do Decreto do Plurilingüismo".

Na mesma liña, advirte que "malia as melloras derivadas da presión social, non hai unha oferta completa de audiovisual en galego para o público infantil e xuvenil, sendo, tamén, escandalosa a exclusión do idioma nos xoguetes".

A profesora da Universidade da Coruña e sociolingüista María Pilar García Negro sinala a Nós Diario que, malia non ter aínda "unha posición formada do informe da RAG", porque aínda non o estudou, "a diagnose do que podía ser a situación actual xa estaba feita nunha proposta de modelo de normalización lingüística presentada en 1989 e elaborada por 19 entidades do ámbito social e pedagóxico".

Neste sentido, lembra que a proposta recollía "un modelo de normalización lingüística, aplicado a todo o territorio galego, que garantía que toda persoa a partir de 11 anos sería competente para recibir o ensino en galego, con independencia da súa precedencia idiomática".

Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta da Galiza, Valentín García, afirma a Nós Diario que "o exposto no informe dá a razón á Xunta ao sinalar que o problema non está nas aulas, senón que a socialización e o emprego da lingua na familia e no entorno próximo é o que determina os hábitos lingüísticos". Nesta liña, García destaca "a importancia das políticas municipais á hora de incluír o galego nas actividades que organizan para infancia e xuventude".

Comentarios