A 'desgaleguización' das crianzas comeza nos primeiros anos de escolarización: estes son os motivos do abandono do galego

A RAG presenta un novo estudo que evidencia o rol do sistema educativo como axente 'desgaleguizador'.
Crianzas do CEIP de Barouta, en Ames, no inicio do presente curso escolar. (Foto: Arxina)
photo_camera Crianzas do CEIP de Barouta, en Ames, no inicio do presente curso escolar. (Foto: Arxina)

Un estudo da Real Academia Galega (RAG) constata que as dinámicas de 'desgaleguización' nas novas xeracións inícianse "moi cedo", nos primeiro anos de escolarización, e afectan "o proceso de adquisición da fala". A RAG continúa coa análise dos elementos que inflúen no abandono do galego das novas xeracións e amplíao sobre as actividades extraescolares, de conciliación e deportivas.

Segundo apuntan desde a institución esta terza feira, o último estudo presentado polo Seminario de Sociolingüística confirmou a "importancia dos centros educativos", non só no ámbito pedagóxico, senón tamén como primeiro contacto coa vida pública fóra da familia, e como contexto principal para a relación dunhas crianzas coas outras.

Os resultados recolléronse no volume Prácticas lingüísticas na infancia. A xestión lingüística nos primeiros contextos de socialización, que está dispoñíbel en copia dixital na páxina web da RAG. Estes traballos céntranse no uso curricular do galego tanto nos centros como nas familias. Desta volta centrouse noutros contextos que confirmaron a "importancia" do desenvolvemento sociolingüístico dos nenos e nenas nas actividades extraescolares e deportivas, así como o "papel relevante" que poden ter os concellos para "frear o proceso" de substitución.

A 'desgaleguización' vai "máis aló" das horas impartidas en galego

Este novo informe visibiliza como se produce o proceso de substitución do galego polo castelán na infancia nos diversos contextos. Así, constata que as dinámicas de 'desgaleguización' comezan "moi cedo", nos primeiro anos de escolarización, e que "afecta o proceso de adquisición da fala". "As condicións ambientais nos contextos analizados implican unha presión sobre os galegofalantes que fan que adoptar o castelán sexa a opción que lles resulta máis cómoda e natural", explicaron os autores do estudo.

Así, entre as principais conclusións o proxecto reflicte que o efecto 'desgaleguizador' da escolarización que se reflicte nas estatística "vai máis aló" dunha repartición horaria da lingua vehicular das materias ou da presenza do galego nos rexistros de maior formalidade.

Nestes últimos concentraron as medidas para garantir ou incrementar a presenza do idioma propio no sistema educativo, que constituíron un "soporte fundamental" para a normalización da lingua no ensino e o seu acceso aos espazos dos que "tradicionalmente estivera excluída".

Con todo, as actividades de menor formalidade que ocorren dentro e fóra dos centros educativos "resultan esenciais" para que os mozos incorporen en "maior medida" as ideas e pautas sociais de comportamento lingüístico. "Nelas os nenos experimentan as presións que limitan o uso do galego e empurran ao seu abandono", segundo o estudo.

A xestión municipal, un factor chave

A análise tamén destaca a importancia da xestión municipal e das propias empresas que traballan cos mozos e mozas. Así, o persoal investigador sinalou que, cando se fala de política lingüística, adóitase "pensar" na educación formal e as políticas autonómicas. Porén, "queda patente" que as políticas municipais e as das empresas e asociacións son "tamén fundamentais" á hora de definir a experiencia lingüística das crianzas na súa socialización.

"O caso dos concellos é especialmente relevante, xa que existen unha serie de servizos e actividades orientadas á infancia que dependen da súa xestión directa, pero tamén porque manteñen un contacto máis estreito cos axentes sociais que desenvolven todo tipo de actividades que modelan a vida cotiá dos seus territorios", concluíron os autores.

Comentarios