martes 14.07.2020

O coronavirus "anula" as axudas para fomento do galego nos centros de ensino

Denúnciao a CIG-Ensino, que pide explicacións.

O coronavirus "anula" as axudas para fomento do galego nos centros de ensino

A CIG-Ensino afirma que aSecretaría Xeral de Política Lingüística vai deixar sen efecto dúas convocatorias (centros públicos e centros privados) para o fomento do uso do galego “co argumento de que a pandemia ocasionada pola COVID-19 tería impedido que eses proxectos se levasen adiante”. O sindicato afirma que hai un correo-e remitido aos centros desde os gabinetes provinciais no que se anuncia que a convocatoria deixarase sen efecto no DOG do día 11 de xuño

As axudas anuais destas convocatorias, explica o sindicato nacionalista, están vinculadas a pagos efectuados entre xaneiro e xuño. “É probábel que unha parte dos gastos previstos non se teñan realizado mais seguramente outros moitos xa estarán executados e pagados. Tal é así que no propio email dise que, de existir custos realizados entre xaneiro e o 13 de marzo por un lado ou outros vinculados a proxectos na etapa do ensino a distancia, terían que achegarse as facturas á SXPL”.

Tamén se indica, proseguen desde a CIG-Ensino, que os proxectos deste curso “poden presentarse na convocatoria do curso 2020/21 como addenda e coas modificacións que se precisen”.

A central maioritaria no ensino público considera que o que por un lado ben puidera entenderse como unha menor carga burocrática (as persoas responsábeis non terían que presentar unha memoria xustificativa ao ser anulada a convocatoria) pode, porén, implicar outro problema de xestión para os centros, “xa que se indica expresamente que as facturas deben ir co NIF e a nome da SXPL, cando os pagos que estean xa realizados e contra factura o estarán a nome do centro educativo. No suposto de facturas do primeiro trimestre do ano o problema sería aínda máis complexo”.

Ante a publicación anunciada no DOG do xoves 11, a CIG-Ensino demanda da SXPL que a medida que se adopte sexa a menos lesiva para os centros educativos, tanto economicamente como na carga burocrática. Solicitan tamén unha maior aclaración da SXPL aos centros sobre como actuar no caso de facturas xa emitidas. Convén que as explicacións da SXPL sobre a decisión de anular a convocatoria sexan absolutamente claras e que, baixo ningún concepto, quede sen pagar calquera gasto que para o fomento do noso idioma teñan realizado os centros.

“Teñamos en conta que na convocatoria do ano pasado (cos datos publicados hai agora un ano) só se atenderon o 19,8% das contías solicitadas polos colexios e institutos públicos do país. Houbo 295 centros que recibiron menos de 1 euro por cada alumno ou alumna do plan solicitado, sendo a contía mínima 0.07 euros /alumno cunha axuda media de 2,29€ por alumna/o dos centros que percibiron as axudas”.  

comentarios