Campaña nas redes sociais

Centos de persoas piden a Feixoo que non combata a lingua porque "O galego non mata"

Galegas e galegos responden de maneira masiva ao chamamento para protestar porque o presidente da Xunta saíse en defensa do español como lingua vehicular no ensino. O tema chegou a ser tendencia a nivel estatal.
PANATLLA
photo_camera Campaña #OGalegoNonMata, en Twitter, como crítica a Feixoo e a súa defensa do castelán. (Foto: Nós Diario)

As modificacións na LOMCE coa chamada 'Lei Celáa' veñen de pór de actualidade novamente o conflito lingüístico entre o Estado español e aqueles territorios con nacionalidade histórica e lingua propia. Así o están a deixar ver centos de galegas e galegos nas redes sociais esta tarde. O chío e o cancelo máis repetido é "#OGalegoNonMata".

A polémica xurdiu a pasada semana após un acordo entre PSOE, Unidas Podemos e Esquerra Republicana para que o castelán non fose a única lingua vehicular no ensino. Mais o malestar foi en aumento ao saír o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en defensa do mantemento do castelán como lingua principal no ensino.

Esta fin de semana, o líder do Executivo galego e dos populares no país, acusou o Executivo de Pedro Sánchez de "tentar eliminar por lei" o castelán como lingua vehicular na educación e pretender "amordazar a prensa" a través dunha norma para que "sexa o Goberno quen decida o que é verdade e mentira".

Co enfado de moitas persoas, esta mañá A Mesa pola Normalización Lingüística lanzou nas nas redes un chamamento para facer unha sorte de manifestación online para defender o potencial do galego. A cita era ás 20 horas, unha hora máis tarde da convocatoria en todo o Estado dun movemento contrario a prol do castelán.

“Hoxe ás 20h nas redes sociais: Sr Feixoo, combata o virus e non o galego! cos HT #OGalegoNonMata e #RemoveTheLimitations en referencia á indicación que lle fixo o Consello de Europa respecto do galego en decembro”, reivindicaron.

Tendencia a nivel estatal

E a xente respondeu en masa cunha defensa forte do galego. Se ben é certo que o cancelo "#YoQuieroEnseñanzaEnEspañol" colocouse como número 1 de tendencias en Twitter, en arredor de media hora "#OGalegoNonMata" achegouse á terceira posición dos temas máis comentados nesa rede social.

Centos de persoas defenderon o galego tanto en Twitter coma en Instragram, entre outros foros dixitais. Puidéronse ler mensaxes de persoas de sobra recoñecidas na Galiza e de anónimas e anónimos lembrando que "mata a precariedade laboral e matan os recortes en servizos básicos, #OGalegoNonMata".

Tamén houbo quen aludiu ás politícas "privatizadoras do PP" en xeral" e quen solicitou a Feixoo que deixe de "tirarlle pedras ao noso idioma".

Comentarios