Compostela, primeiro concello en apoiar a moción 'Xabarín 2.0'

Unanimidade no pleno municipal para defender a iniciativa da Mesa que quere 'blindar' o galego no audiovisual.
As e os concelleiros, na praza do Obradoiro apoiando a concentración convocada pola Mesa nesta quinta feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera As e os concelleiros, na praza do Obradoiro apoiando a concentración convocada pola Mesa nesta quinta feira (Foto: Nós Diario).

O pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobou nesta quinta feira, por unanimidade dos catro grupos —PSOE, PP, Compostela Aberta e BNG—, apoiar a moción 'Xabarín 2.0', impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística para 'blindar' a presenza do galego na Lei Xeral do Audiovisual que se está a debater no Congreso das e dos Deputados estes días.

Así mesmo, as e os concelleiros interromperon a sesión plenaria ás 17 horas para participar na concentración convocada pola Mesa na praza do Obradoiro.

Deste modo, o consistorio da capital convértese no primeiro en debater e aprobar esta moción, que, segundo informou a Mesa, será trasladada nas vindeiras semanas a todos os concellos do país para seguir o exemplo de Compostela.

O Parlamento da Galiza xa amosara o seu apoio o pasado mes de maio, cando aprobou, tamén por unanimidade, esta iniciativa da Mesa, avalada até o momento por máis de 33.000 sinaturas.

Tamén o BNG, a través do seu deputado en Madrid, Néstor Rego, rexistrou unha moción na Cámara baixa para instar o Goberno estatal a modificar o anteproxecto da Lei do Audiovisual, que actualmente non garante que a lingua galega sexa incluída nas canles e plataformas de televisión lineais e baixo demanda.

O obxectivo da moción 'Xabarín 2.0' é que a citada lei recoñeza a pluralidade lingüística do Estado como principio básico, "igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais.

"A exclusión da lingua é moi evidente"

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembrou que esta iniciativa é "de máxima relevancia para o futuro da lingua", nun ámbito, o audiovisual, "onde a situación de exclusión do galego é máis evidente" e, ao mesmo tempo, constitúe "un dos medios máis empregados polo público en xeral e pola mocidade e a infancia en particular".

"Estes dous elementos converxen nun sector coma o audiovisual galego, de calidade demostrada e con gran capacidade para contribuír ao desenvolvemento cultural e económico do noso país", concluíu Maceira.

Comentarios