Piden garantir por lei a presenza do galego nas plataformas audiovisuais

Iniciativa do BNG no Congreso para que a Lei do Audiovisual blinde a pluralidade lingüística.
Visualización dunha obra audiovisual nunha plataforma dixital (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
photo_camera Visualización dunha obra audiovisual nunha plataforma dixital (Foto: Marta Fernández / Europa Press).

O BNG rexistrou nesta terza feira no Congreso unha nova iniciativa, que se suma ás presentadas con anterioridade tanto na Cámara baixa coma no Parlamento galego, para reclamar ao Goberno estatal a modificación do texto do anteproxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual "de forma que recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico".

Deste modo, busca garantir un mínimo de contidos en lingua galega na dobraxe, os subtítulos e as audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión convencionais ou baixo demanda.

"Non hai ningunha garantía para que o galego, o catalán ou o euskera sexan incluídos nesas plataformas", lamenta Rego.

Neste senso, o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, salientou que o anteproxecto recolle que 30% das obras do catálogo das plataformas de contidos debe dedicarse a obras europeas.

Dentro desa porcentaxe, 50% delas "reservarase para producións en castelán ou nalgunha das outras linguas do Estado".

Para o Bloque, isto supón que "non hai ningunha garantía para que o galego, o catalán ou o euskera sexan incluídos nesas plataformas".

O mesmo acontece no que atinxe ao financiamento, xa que a lei dispón que as plataformas con máis de 50 millóns de euros de ingresos anuais deberán sufragar obras europeas con 5% deses cartos, das que cando menos o 70% deberá dirixirse a produtoras independentes en lingua española ou noutra lingua oficial do Estado, mais sen concretar a porcentaxe.

O Goberno estatal afirma garantir a presenza do galego

Así as cousas, o secretario de Estado de Telecomunicacións, Roberto Sánchez, apuntou nesta terza feira que o Goberno estatal "non ten nada en contra das linguas cooficiais", que, dixo, teñen garantida a produción de obras audiovisuais a través desta lei.

Comentarios