martes 22/06/21

Carolina Silva: "Cando cheguei a Arxentina decateime da importancia que ten Galiza no mundo"

Carolina Silva Arandia naceu en Arxentina e cando tiña catro anos a súa familia decidiu trasladarse a Vilagarcía. Seu avó, con 14 anos, emigrara de Ames a Bos Aires e tocaba o retorno. Aos 18 tomaron o camiño de volta, realizou estudos en Psicoloxía e na actualidade dá aulas no Colexio Santiago Apóstolo da capital arxentina. Desde 2018 facilita a posibilidade de aprender galego nese país de maneira virtual e xestiona en Facebook un grupo internacional de galegofalantes en galego.  
A psicóloga Carolina Silva Arandia, en Bos Aires, diante do río da Plata (Nós Diario)
A psicóloga Carolina Silva Arandia, en Bos Aires, diante do río da Plata (Nós Diario)

-Como se introduciu no activismo galego desde Bos Aires?

Meu avó naceu en Bertamiráns e sempre mantivo a lingua e cultura galegas. Despois de moito traballo, conseguiu mercar un piso en Vilagarcía e en 2002 meus país decidiron marchar para vivir alí. Realicei todos os meus estudos nesa cidade. Sempre tiven moito amor pola nosa literatura e lingua, en gran parte grazas ás grandes mestras e mestres de galego que tiven. 

Cando cheguei a Bos Aires non coñecía a ninguén. Coincidiume que ese mesmo mes Galiza era a protagonista do encontro que a cidade dedica ás colectividades exteriores nun lugar tan emblemático como a avenida de Maio. Sentínme como na casa e alí coñecín o director do Instituto galego arxentino Santiago Apóstolo, un centro que non coñecía e do que, coido, debería saberse máis. Despois achegueime ás entidades galegas. Mantéñense moitas, algunhas pequenas de concellos e outras mesmo dalgunhas parroquias.

-Comezou a dar aulas nese Instituto. Como é?

É unha experiencia que impresiona... ver 500 rapazas e rapaces estudando galego en Bos Aires. Moitos nin son descendentes de galegos, hai unha importante participación da comunidade asiática. Nesa institución transmiten o amor pola cultura galega e polas culturas en xeral. É unha cuestión de darlle valor ás culturas minorizadas. 

Cando entrei alí sorprendeume ver a presenza do galego en rapaces de seis e sete anos, cando nin son conscientes de onte está Galiza. Comezan coa aprendizaxe lingüística aos cinco anos en infantil e tamén con nocións temáticas de festas como o Entroido. En xeral, todos os rapaces saen falando bastante ben en galego ao rematar primaria e secundaria. Moi diferente á experiencia que vivín eu en Vilagarcía, onde rematamos o bacharelato falando galego só catro. 

-Internet abriu novas xanelas para a difusión do galego na Arxentina?

Á marxe do colexio, comecei en 2018 a dar aulas particulares de lingua porque, a través dos moitos grupos de Facebook de galegos que había en Bos Aires, moita xente pedía que lles deran clases. Podo dicir que valora moito máis a cultura galega desde aquí que o que facía alá. Cando cheguei a Arxentina decateime da importancia que ten Galiza no mundo. É curioso, antes, moitas veces, non tiñamos tempo para asistir a actividades presenciais e agora coa pandemia hai moita máis actividade nos faladoiros virtuais que xurdiron. 

As temáticas van desde a historia até a música nas que participan moitas persoas que non teñen ningunha relación familiar coa Galiza. Existe moito interese e tamén descoñecemento. Aínda hai quen pensa que o galego é un dialecto. Hai unha reconstrución da identidade que fan os arxentinos a través da lingua que escoitaron falar baixiño de pequenos na casa.

-Cre que desde a Administración galega debería facerse algo máis?  

Houbo unha gran transformación hai uns tres anos. En 2018 a lingua galega estaba case desaparecida en cursos e estudos, máis alá do propio Instituto. Agora crean Aula Aberta, unha experiencia que debería terse iniciado moitos anos atrás. Tivo que chegar a pandemia para que se decidiran a dar cursos en liña abertos e gratuítos para todo o mundo! Certo é que nunha gran parte das asociacións galegas na Arxentina sempre se subestimou a aprendizaxe da lingua e dándolle máis valor á festa. Sorprendeume pola cantidade de xente adulta que preguntaba onde podía estudar galego.

comentarios