Galaxia desembarca en Arxentina e prepara o lanzamento en Brasil

Galaxia continúa coa súa forte aposta por levar máis alá das fronteiras a literatura galega. Mañá cuarta feira presenta o seu proxecto Mar Maior en Arxentina, onde publica vinte títulos, mentres prepara o lanzamento en Brasil en colaboración cunha empresa local. 

galaxia-buenosaires
photo_camera Stand de GAlaxia e Mar Maior na Feria de Bos Aires

O 27 de abril Galaxia presenta por todo o alto na Feira de Bos Aires o proxecto Mar Maior, nun acto no que participará a escritora galego-arxentina María Rosa Lojo, Ramón Villares, Xavier Alcalá, Xesús Alonso Montero, Carlos Brandeiro e o director da editorial, Víctor F. Freixanes. Unhas horas antes, o presidente do Consello da Cultura presentará, da man deste mesmo selo, unha versión adaptada ao país andino da súa Historia de Galicia.

Mar Maior, que xa se presentou en Madrid e en Bruxelas, chega a Arxentina con varios títulos diferentes da súa aposta na Península para adaptarse ao mercado local. Ademais do ensaio de Villares, veñen de publicar alí En los pagos de Huinca Loo, a novela de Xavier Alcalá ambientada na Pampa; e tres libros arredor de Blanco Amor: A Esmorga traducida por el mesmo como La Parranda e con epílogo de Manuel Rivas; Los miedos; En defensa e ilustración de la Segunda República Española en los años de la Guerra Civil (1936-1939); e unha biografía súa escrita por Antonio Pérez Prado. 

Cunqueiro tamén é unha figura importante dentro do catálogo presentado, con catro obras: El año del cometa, Vida y fugas de Fanto Fantini, Tertulia de boticas prodigiosas y escuela de curanderos, e Flores del año mil y pico de ave.

Ademais, o actual presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, publica o ensaio Letras argentinas, letras gallegas no que examina as relacións entre creadores literarios dun e doutro país. E tamén inclúen El vidrio roto. Cuentos para las Américas da coruñesa Emilia Pardo Bazán, que reúne relatos publicados pola autorana prensa americana. 

Álbum ilustrado

Entre o catálogo atopamos tres títulos de álbum ilustrado: Un montón de familias de Xosé A. Neira Cruz con ilustracións de Rodrigo Chao; Maruja Mallo. Una memoria en construcción, de Xosé Ramón Barreiro e Beatriz López; e El libro de los Siniguales y del único Sinigual de María Rosa Lojo e a ilustradora Leonor Beuter. 

Ademais tamén inclúen novelas contemporáneas como Circe o el placer del azul, de Begoña Caamaño; Laura en el desierto, de Antón Riveiro Coello; Futuro imperfecto, de Xulia Alonso; Imposible de desatar, de Iván García Campos; El último libro de Emma Olsen, de Berta Dávila; Hora zulú, de Santiago Lopo; ou La forma de las nubes, de María López Sandez.  

A finais de ano, Brasil

Paralelamente Galaxia está a preparar a saída de Mar Maior Brasil en asociación cunha empresa local e con alianzas na Universidade de Sao Paulo. O lanzamento está previsto en principio para finais de ano, cun catálogo que tamén busca complicidades coa cultura local. 

A Historia de Galiza de Villares adaptarase ao Brasil, e tamén se publicará o ensaio de Xavier Baixeras Brasil no centro, un libro a xeito de diario no que o escritor galego fala sobre a súa experiencia vital neste país no que reside longas temporadas. Outros dos libros que publicarán son Circe ou o poder do azul, de Begoña Caamaño e Merlín e familia, de Cunqueiro. 

Comentarios