sábado 06.06.2020

Inaugúrase en Bos Aires a cátedra Galicia-América apadriñada por Manuel Rivas

Coincidindo coa Feira do Libro de Bos Aires inaugúrase o vindeiro martes 26 a Cátedra Galicia-América na Universidade Nacional de San Martín apadriñada por Manuel Rivas. Con esta xa son tres as cátedras de estudos galegos que operan na cidade porteña.

Manuel Rivas [foto: Santos Díez/Ollo de Vidro/ACAB]
Manuel Rivas [foto: Santos Díez/Ollo de Vidro/ACAB]

Esta cátedra está dirixida por Manuel Rivas xunto con dous activos membros da colectividade galega: o historiador Ruy Farías na dirección académica e de investigación; e a xornalista Debora Campos na dirección executiva. 

En Bos Aires xa funcionaban outras dúas cátedras, a Alfonso R. Castelao na Universidade de Bos Aires e a Cátedra de Estudos Galegos de La Plata. 

Esta cátedra, que forma parte do programa Lectura Mundi desta universidade, pretende ser “un espazo de reflexión crítica, investigación e difusión da cultura, a historia e a realidade de Galiza, tanto da 'metropolitana' como daquela outra esparexida polo mundo, especialmente a que se desenvolveu ou a que tivo contacto coa Arxentin, historicamente o maior destino mundial da emigración galega”. 

Para isto, levará adiante distintas actividades durante todo o ano, que contemplan a investigación, a xestación e difusión de eventos artísticos e intelectuais e o intercambio con outras institucións culturais e de estudos galegos, tanto no país como noutros puntos do planeta. 

A presentación terá lugar o martes día 26 na sala Alfonsina Storni da Feira do Libro de Bos Aires, e participarán, ademais de Manuel Rivas, Ruy Farías e Debora Campos, a escritora galego-arxentina María Rosa Lojo e Mario Greco. 

comentarios