venres 30/07/21

Unha campaña exixe a Tik Tok que acepte o galego como lingua oficial

O rexeitamento á lingua da Galiza por parte da rede social transcendeu a pasada semana, despois de que a Xunta non puidera pór unha campaña sobre o sector cultural. Diferentes usuarias e usuarios da plataforma amosan o seu apoio á idea do activista Carlos Vieito.
Imaxe da campaña a prol do galego. (Foto: Nós Diario)
Imaxe da campaña a prol do galego. (Foto: Nós Diario)

En paralelo á conmemoración do Día da Lingua Materna -que foi este domingo- e despois de que a plataforma dixital de moda, TikTok, bloqueara a posibilidade de facer publicidade oficial en galego, o activista dixital Carlos Vieito e A Mesa pola Normalización Lingüística veñen de lanzar unha campaña para que a compañía acepte esta lingua como oficial.

A iniciativa, que se bautizou como 'Conquistemos TikTok!' demanda á rede social que inclúa o galego entre os idiomas que considera oficiais e, en consecuencia, permita o seu uso tanto para campañas promocionais como para outros proxectos.

A idea é que esta campaña decorra durante toda a semana para “concienciar á comunidade galega e facer un chamamento a TikTok”, pois a ninguén se lle escapa que hai miles de usuarias e usuarios galegos.

Malia que a lingua do país nunca foi entendida como oficial, si había moitas contas que defendían o seu emprego e mesmo a súa historia.

Unha vez impulsada a idea, “diferentes 'tiktokers' galegos, algúns deles con miles e millóns de seguidores, estanse a solidarizar co lanzamento”. Hai vídeos nos que se está a empregar o galego e outros nos que mesmo se fala abertamente da prohibición que transcendeu a semana pasada a raíz da negativa a admitir un anuncio da Xunta de apoio á cultura co hashtag “#aculturasegue”.

Agora a protesta non chega só en modo de campaña, senón que a colaboración da Mesa co impulsor, Carlos Vieito, vai implicar a tramitación dunha queixa a través da Liña do galego para denunciar o veto na rede social.

“Agardo que o Goberno galego realice as accións necesarias para instar á plataforma a incorporar a nosa lingua na plataforma e que non quede simplemente nunha anécdota”, explicou Carlos Vieito.

comentarios