venres 14/08/20
O Tik Tok triunfa entre a mocidade galega como método para defender a súa cultura

A rede social de moda, unha inesperada aliada do idioma do país

As rapazas e rapaces da Galiza atópanse con críticas e acusacións de falar un 'dialecto' nesta plataforma social. Porén, están a defender a súa cultura e a súa lingua de distintos xeitos. Por exemplo, houbo quen intentou dar unha clase de historia aclarando que Galiza é unha nación e que o galego é un idioma de pleno dereito. Esta masa de usuarias está a destacar fronte a outros retos cheos de tópicos
A mocidade permanece conectada as redes todo o día (Foto: Europa Press)
A mocidade permanece conectada as redes todo o día (Foto: Europa Press)

Hai ‘tags’ do galego que se fan en castelán e moitos retos virais que dan as costas ao idioma do país, pero contra todo prognóstico a rede social de moda, o Tik Tok, tamén está a servir como aliado da cultura e da fala galegas.

Pode que haxa cousas más nesta nova plataforma, pero do que non cabe dúbida é de que as mozas e mozos galegos están a saír na defensa do seu idioma nai. Non é a primeira vez que xorde unha polémica nun vídeo no que os comentarios acusan a protagonista galegofalante de empregar un “dialecto” para comunicarse ou xogar cos distintos retos propostos.

Nese caso saíu o carácter das usuarias e usuarios da terra e poden atoparse verdadeiras clases de historia. As galegas máis mozas están a explicar o por que de que o galego é unha lingua con total dereito e non unha variedade dialectal de nada. Botan man do estudado para recordar que Galiza é unha nación e fechar a boca aos que as atacan.

Tamén se atopan lamentos das ‘tiktokeiras’ e ‘tiktokeiros’ porque lles piden que “fales castelán porque o galego é feo” ou porque lles din que o acento galego “produce moita ansiedade, é como cando fala un árabe ou un alemán, sempre parecen enfadados”.

Lamentabelmente, esta última cuestión, a do acento, repítese unha e outra vez co mesmo número de defensas das súas orixes por parte das usuarias e usuarios.

A realidade cultural da Galiza

Nese caso están a criticar e explicar aos seus interlocutores a realidade cultural do país, mais diante dalgunhas situacións simplemente fan públicas as frases para amosar o descoñecemento que existe no Estado ou noutros países de fala hispana. Incluso aparecen protestas polas trabas que se lle poñen ao amor: “Cando non quere ‘liarse’ comigo polo acento galego”.

Ou presumen das súas orixes perante observacións como “por que falas galego se é de pobo?” ou que empregar o galego nas redes sociais “é de ma educación”.

Malia que parte da xuventude segue a escapar das súas orixes, o odio ou a incultura que lles chegan dende fóra estana animando a falar a lingua nai. E aquelas rapazas e rapaces que son criticados polo contrario, por non falar galego sendo da Galiza, teñen explicado que lles gustaría cambiar pero que están acostumados ao castelán porque se lles ensinou así.

Até aluden ao decorrer cultural da nación, recordando que avós ou país foron atacados polo galego e lles inculcaron o castelán como prioritario.

Entrada na campaña

Non é algo que sorprenda excesivamente. Hai pouco a Comisión Europea dáballe un tirón de orellas a Xunta por por ter certas limitacións para uso do galego nas aulas, como que non se use en ciencias, e pedíalle novos avances.  
. Ademais, segundo un estudo do Instituto Galego de Estatística (IGE), na maioría das cidades baixou o número de persoas que saben falar moito ou bastante en galego.

Dende 2008 até 2018 tamén caeu en picado o total de galegofalantes en todas as vertentes da súa vida.

É certo que tanto no Tik Tok como noutras redes sociais e na realidade queda moito camiño por andar, mais que haxa unha defensa acendida do galego por parte de centos de usuarias e usuarios é unha boa noticia.

E algo debe de estar a funcionar ben na rede porque partidos como o BNG ou candidatos como o de Galicia en Común a presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, fixeron campaña ‘tiktokeira’.

comentarios