O Manifesto de Soutomaior reclama máis presenza de mulleres nas Letras Galegas

O documento urxe tomar medidas, entre outras, á Real Academia Galega, mais tamén a outras institucións do país. Foi asinado por 16 mulleres na segunda feira co gallo do Día das Escritoras e consta de doce puntos "para conseguir a igualdade".
As asinantes do manifesto (Deputación de Pontevedra).
photo_camera As asinantes do manifesto (Deputación de Pontevedra).

O Manifesto de Soutomaior,  asinado por 16 mulleres na segunda feira polo Día das Escritoras, fíxose público esta terza feira, 9 de novembro. Recolle doce puntos que, para a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, "serán o motor de traballo futuro para conseguir a igualdade". 

Collendo como exemplo o modelo Seneca Falls do século XIX, inclúe a denuncia das diferentes situacións de desigualdade que existen no mundo da escrita e propón todo un Plan de acción para rachar con elas. 

O documento, que recolle todas as reivindicacións, enviarase  de forma inmediata á Xunta da Galiza, aos grupos parlamentarios e á Fegamp para que o faga chegar aos concellos galegos, así como ao sector da cultura para que sexa asinado por todas as mulleres creadoras nos diferentes eidos e os homes que se queiran sumar.

Paridade na RAG

No documento sinalan que "no mundo editorial e literario galego a situación das autoras e editoras é, aínda, desalentadora". Poñen como exemplos que só seis mulleres ocupan unha das 30 cadeiras da Real Academia Galega (RAG) e que só seis mulleres foron homenaxeadas no Día das Letras Galegas fronte a 56 homes.

Ademais, advirten da "ausencia case total" de mulleres críticas literarias que ocupan espazos relevantes de opinión e que moi poucas chegan a postos de dirección e liderado nas grandes editoriais galegas ou en organismos públicos culturais. 

Entre as propostas do manifesto para solucionar estas eivas reclaman que haxa paridade nos xurados dos premios literarios e tamén nas edicións de antoloxías, ademais de urxir a inclusión obrigatoria de escritoras galegas e as súas obras nos plans de estudo na educación.

Tamén propoñen que as cadeiras da RAG sexan ocupadas por mulleres nos vindeiros dez anos e exixen, da mesma forma, que nos próximos dez anos o Día das Letras Galegas homenaxee sempre mulleres. 

Alén diso, anunciaron a creación dun Observatorio para o seguimento das reclamacións e avaliación das medidas, e a posta en marcha dun novo encontro no próximo mes de xaneiro para definir pautas de traballo.

Comentarios