Traballar para o inglés: A Xunta financia os topónimos incorrectos

Mentres na convocatoria das axudas a medios de comunicación en galego, a Xunta da Galiza recolle a obrigatoriedade de respectar a toponimia na publicidade, o Goberno galego paga insercións publicitarias en medios de comunicación en castelán que deturpan os topónimos.
Á dereita, a publicidade institucional e á esquerda, a noticia co topónimo deturpado (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Á dereita, a publicidade institucional e á esquerda, a noticia co topónimo deturpado (Imaxe: Nós Diario)

Á dereita, "Galicia en marcha. Espazo Amizar: un espazo público de solución". Unha publicidade institucional pagada pola Xunta da Galiza, co logotipo da Administración galega e do Xacobeo 21-22. Á esquerda, "El TSXG anula la rebaja del precio del bus aprobada por la Marea en La Coruña".

Eis un caso que exemplifica o contrasentido da normativa da Xunta da Galiza, que na convocatoria de axudas a medios de comunicación en galego -de concorrencia competitiva- recolle que "as publicidades incluídas nas publicacións deben cumprir co disposto no artigo 10 da Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística en materia de toponimia".

Porén, o Goberno galego, a través de axencias de publicidade, paga insercións promocionais en medios en español que, como o ABC, contraveñen a citada lei e que deturpan os topónimos galegos.

O Executivo de Alberto Núñez Feixoo non só prioriza a publicidade institucional en medios de comunicación en castelán, en detrimento dos que empregan o galego como lingua vehicular, senón que inviste diñeiro público naqueles que deturpan os topónimos de maneira habitual.

De feito, no caso exposto, o xornal emprega a toponimia ilegal, ademais de nas informacións, nos mapas do tempo tanto da edición para a Galiza como na do resto do Estado español.

Feixoo, no Foro "La Toja"

A presenza do presidente da Xunta no foro económico decorrido a semana pasada na illa da Toxa (O Grove) volveu traer á actualidade a deturpación da toponimia e o incumprimento da lexislación en materia lingüística.

O evento, organizado polo grupo Hotusa, que vén de recibir un rescate de máis de 200 millóns de euros por parte do Goberno español -cuxos membros, incluídos o presidente, Pedro Sánchez, tomaron a palabra no foro-, foi criticado, ao igual que nas edicións anteriores, por deturpar o topónimo da illa no seu nome.

Tamén recibiu a reprobación o propio Feixoo, que coa súa presenza no foro ampara o incumprimento da lei, segundo denunciaron o BNG, a CIG e A Mesa pola Normalización Lingüística, cuxa concentración foi reprimida por parte da Garda Civil.

Comentarios