LINGUA

A LNL cumpre 30 anos. X. R. Freixeiro Mato, Socorro García e Nel Vidal fan balance (2)

A LNL cumpre 30 anos. X. R. Freixeiro Mato, Socorro García e Nel Vidal fan balance (2)

O director do Servizo de Normalización da Universidade da Coruña, Xosé Ramón Freixeiro Mato, a Técnica de Normalización do Concello de Santiago, Socorro García Cone, Técnica de Normalización do Concello de Santiago e o prresidente da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística Nel Vidal Barral fan balance de trinta anos de Lei de Normalización Lingüística. 

photo_camera Pola lingua

Xosé Ramón Freixeiro Mato: “O galego tivo a maior perda de falantes en tan curto espazo temporal”


1-Que balance fai de trinta anos de Lei de Normalización Lingüística?

En xeral negativo porque non houbo vontade política para a facer cumprir realmente. Paradoxalmente, o galego tivo neste período unha grande perda de falantes, a maior en tan curto espazo temporal segundo datos do Mapa Sociolingüístico 2004.

2.En que ámbitos o incumprimento da lei é máis grave para o proceso de normalización?

Destacaría o ensino porque o uso do galego entre a xente nova no ámbito urbano é 

practicamente residual e xa non ten en moitos casos a competencia para poder falalo. E se a escola non garante iso, non hai normalización posíbel. Outro ámbito escandaloso é o da Xustiza; tamén o da empresa, lecer etc.

3. Que medidas propón con respecto á lexislación arredor da lingua?

Primeiro, modificar o Estatuto de Autonomía para incluír nel o deber de coñecer o galego. Segundo, elaborar unha nova LNL que corrixa as deficiencias detectadas e que recolla medidas sancionadoras para quen a incumprir. Terceiro, aplicar o PXNLG, o cal supón voltarmos ao Decreto de 2007.

4. Que pode supor a aplicación do que a Xunta chama “decreto do plurilingüísmo”?


A total marxinalización do galego, pois neste momento xa reduciu a súa presenza nos colexios urbanos a niveis ínfimos. Se a escola non compensa con garantías a perda da transmisión interxeracional do galego no seo familiar, este non pode ter futuro a longo prazo. E actual decreto non garante nada.
 
Socorro García Conde, “Sería desexable revisala e adaptala a unha realidade social e sociolingüística que mudou moito nestes trinta anos”


1.Que balance fai de trinta anos de Lei de Normalización Lingüística?

Necesitabamos unha lei máis ambiciosa pero tampouco chegamos esgotar esta. Hai algúns espazos en que o galego está máis presente que hai 30 anos pero non dan compensado outros en que recúa, e moito, e que parecen ser os máis decisivos para o futuro. Malia iso, sen a lei había ser todo moito peor.

2.En que ámbitos o incumprimento da lei é máis grave para o proceso de normalización?

A lei trata de dereitos da poboación e de obrigas unicamente para os poderes públicos. O incumprimento destas obrigas –de protección, de uso e de promoción- é, polo tanto, chave para o proceso segundo ese marco xurídico. Daquela, este incumprimento é o máis grave, polo suxeito que o protagoniza e polos efectos na sociedade.

Evidentemente, o ámbito público é moi amplo e diverso e non ten as mesmas consecuencias que parte da documentación escrita dun expediente non estea en galego que a práctica lingüística no ensino.

3.Que medidas propón con respecto á lexislación arredor da lingua?

O desexable sería revisala e adaptala a unha realidade social e sociolingüística que mudou moito nestes trinta anos e facelo con obxectivos claros e explícitos. Pero a situación neste momento é tan cativa  que o máis urxente é que se retiren as normas que son un claro retroceso.

4.Que pode supor a aplicación do que a Xunta chama “decreto do plurilingüísmo”?  

Seguir consolidando e afondando na liña de perda do galego entre as xeracións máis novas e perder oportunidades para aplicar realmente o plurilingüismo e non ese lío que se montou coa “falsa” introdución do inglés.
 
Nel Vidal: “Moitas administracións están a día de hoxe incumprindo a Lei de normalización e non pasa nada”
 

1-Que balance fai de trinta anos de Lei de normalización lingüística?

A Lei de normalización lingüística é froito do seu momento, do seu tempo, de hai 30 anos, mais, desgraciadamente, ten plena vixencia, non está desfasada, pois, en 30 anos, non superamos moitos dos marcos e criterios básicos que nela se estableceron e aínda serve de base a apoio para o uso do galego nas administracións.

Aínda que son moitos e innegábeis os avances que houbo no proceso de normalización lingüística neste tempo, tamén son moitos os retrocesos, sobre todo a nivel de necesidade, de prioridade, de intensidade, de entusiasmo... Isto pódese exemplificar en que é moi posible que sectores e organizacións políticas que a apoiaron no seu momento, hai 30 anos, a día de hoxe se cadra non a apoiarían, cando menos nos mesmos termos. Serían, e son, estes sectores e organizacións ben menos claros e ambiciosos no apoio ao uso e fomento da lingua propia agora, para a que incluso piden e executan retrocesos.

2-En que ámbitos o incumprimento da lei é máis grave para o proceso de normalización?

Moitas administracións están a día de hoxe incumprindo a Lei de normalización e non pasa nada. Se unha administración incumpre unha lei, loxicamente é un escándalo, mais, se esa é a Lei de normalización, non pasa nada, pois moitos/as responsables políticos/as, traballadores/as públicos/as, etc., vena como unha lei secundaria, e non se fai un mínimo esforzo para o seu cumprimento real. E quen actúa sen cumprir a lei, está executando ilegalidades, claro...

Para min, mais que indicar se é máis grave que se incumpra nun ámbito ou noutro, o máis grave é a imaxe que se transmite de que a lingua é algo secundario, que non importa moito, pois iso trasládase ao imaxinario colectivo da cidadanía, e así o galego convértese, de maneira efectiva, en algo ao que non lle hai que dar importancia.

3-Que medidas propón con respecto á lexislación arredor da lingua?

Todas aquelas que atendan ao criterio de “progresividade” estabelecido na LNL. Mais, esas medidas lexislativas, que son fundamentais, deben ir tamén acompañadas de accións para o fomento do uso e prestixio do galego en todos os ámbitos, de recursos materiais e humanos e de mensaxes claras e convincentes dirixidas á cidadanía. No ámbito da empresa, da transmisión interxeracional, do ensino, da administración, do deporte, da música, da comunicación...  

4-Que pode supor a aplicación do que a Xunta chama “decreto do plurilingüismo”? 

Máis ben, que está supondo xa... Por un lado, menos competencia lingüística efectiva en galego por parte das nenas e nenos, mais, principalmente, o que xa produciu e segue e seguirá a provocar é o traslado á cidadanía da idea de que o galego non vale para todos os ámbitos, que é unha lingua inferior, secundaria, non importante. Entón, ao non ser importante e ao ser inferior, por que imos usala?

comentarios