Só unha de cada catro horas de docencia na USC é en galego

No curso en marcha, 2022-2023, o galego é a lingua usada en 24% das horas de docencia na Universidade de Santiago (USC). Apenas unha de cada catro, posición moi minoritaria fronte a un castelán que é o idioma no que se imparten 71% das aulas. Porén, e a respecto de hai 20 anos, o galego avanzou.
Estudantes nunha aula da Universidade de Santiago. (Foto: USC)
photo_camera Estudantes nunha aula da Universidade de Santiago. (Foto: USC)

Cal é a situación do galego na docencia na USC? Pois mellor que hai 20 anos, mais aínda moi por baixo do castelán. A desigualdade entre ambos os idiomas dáse nunha proporción de tres a un ao impartiren as profesoras e profesores docencia. Os datos do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC indican que, malia mellorar ao longo destas dúas décadas, a presenza da lingua galega nesta universidade continúa a ser minoritaria e mesmo inexistente nalgúns departamentos, como Ciencias Morfolóxicas ou Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, onde é de 0%.

Pola contra, en departamentos como Ciencias da Comunicación abeira 98% e en Filoloxía Galega, 96%. Os datos do SNL derivan da análise dos Plans de ordenación docente (POD) anuais dos departamentos, de acordo cos datos que eles mesmos achegan. "As modificacións que se van producindo durante o curso académico nalgúns dos ítems do POD non sempre se acompañan das necesarias modificacións no ítem da lingua, polo que cómpre consideralos con certa precaución. Porén, si apuntan ás tendencias que se poden percibir", sinala este servizo.

O uso do galego na docencia neste curso representa 24,4% das horas, mentres que o español acapara 71,6%. Inglés e portugués —con 2,3% e 0,4% respectivamente— completan, e xa en proporción minoritaria, o cadro. O uso da lingua galega é maior entre a docencia de mestrado que no profesorado de grao: 33,5% no primeiro e 23,6% no segundo, dez puntos de diferenza. Mentres, o español é lingua de uso en 61% das aulas de docentes de mestrados e sobe até 72,6% no que respecta a profesorado de grao.

Hai 20 anos, no curso 2003-2004, a porcentaxe de galego en horas de clase apenas sobrepasaba 17% mentres que o español  abeiraba 83%. Houbo nestes anos, pois, un aumento da presenza da lingua propia da Galiza entre o persoal docente.

Uso lingüístico distinto segundo a categoría do profesorado

Os usos lingüísticos docentes son diferentes segundo a categoría de profesorado. O SNL recolle cinco das 13 categorías de PDI (Persoal docente e investigador), que representan máis de 86% deste colectivo na Universidade de Santiago de Compostela. No profesorado asociado de Ciencias da Saúde, o galego é practicamente inexistente, situándose en 0,7% do total. 

As porcentaxes, aínda que manténdose minoritarias a respecto do castelán, melloran no resto das categorías. No profesorado catedrático, a lingua propia representa 21,5% das horas docentes que imparten, o que supón unha de cada cinco.

Entre o profesorado titular, as aulas na USC sen galego alcanzan 28,5%; porcentaxe que aumenta en 37% no caso da categoría de profesorado asociado; e de 37,1% na de profesorado contratado doutor.

TFG e TFM

En canto ao uso do galego nos traballos de fin de grao (TFG) e traballos de fin de mestrado (TFM), a lingua propia da Galiza é o idioma no que se redactaron 25% dos primeiros e 28% dos segundos no curso 2021, o último do que se fornecen datos.

Comentarios