243 estudantes do IES Concepción Arenal de Ferrol comezan a falar galego

Nova edición do ‘Desafío galego’

Pulseiras identificativas do alumnado inscrito no 'Desafío galego'. (Foto: Desafío galego)
photo_camera Pulseiras identificativas do alumnado inscrito no 'Desafío galego'. (Foto: Desafío galego)

Desde a vindeira segunda feira, 11 de marzo, até a sexta feira 22 de marzo terá lugar a terceira edición do ‘Desafío galego’, unha iniciativa promovida polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Concepción Arenal de Ferrol.

O 'Desafío galego' é un proxecto de innovación educativo deste centro ferrolán que busca soster un espazo seguro para a lingua. As alumnas e os alumnos que participan do mesmo aceptan de maneira voluntaria e responsábel un acordo lingüístico que os e as converte en axentes activos a prol do galego.

Así, nesta edición inscribíronse un total de 234 alumnos e alumnas de Educación Secundaria. Durante estes dez días o estudantado inscrito comprométese ao uso da lingua galega no seu día a día e a galeguizar as redes sociais. Ademais son propostos uns obxectivos concretos para estender o idioma propio da Galiza a todos os ámbitos (escolar, familiar, virtual...).

Para esta edición o IES Concepción Arenal contará como madriña a poeta e instagramer Nuria Vilán Prado, máis coñecida como ‘Nuria Vil’. Defínese como “resitadora” e busca hibridar a palabra con formas de arte experimental e performática cun discurso fortemente marcado pola vindicación social .

Nuria Vil intervirá no ‘Desafío galego’ na cuarta feira 13 de marzo, de 10.30h a 12.10h, no salón de actos do IES Concepción Arenal.

O ‘Desafío galego’ concluirá na sexta feira 22 de marzo cunha excursión a Ourense, onde o profesor e investigador Manuel Rei Romeu presentará o libro Otero Pedraio no IES Concepción Arenal. Neste texto recóllese o manuscrito inédito de Ramón Otero Pedraio atopado no arquivo do centro, onde o membro da Xeración Nós recrea a súa experiencia como alumno e a motivadora influencia de certos profesores do instituto histórico de Ourense que actualmente leva o seu nome.

Comentarios