24 ex deputados do PSOE, 3 ex ministros e 2 ex presidentes do Senado, canda 37 ex dirixentes do PP contra o galego no Congreso

Consideran que a medida "contradi a Constitución, non se adecua á nosa realidade lingüística" e é unha "imposición inaceptábel".
Congreso dos deputados. (Foto: Congreso)
photo_camera Congreso dos deputados. (Foto: Congreso)

24 ex parlamentarios do PSOE, entre os que se atopan tres ex ministros e dous ex presidentes do Senado --Juan José Laborda e Javier Rojo-- pediron á presidenta do Congreso, Francina Armengol, que free a iniciativa de que se usen as inguas cooficiais no Congreso.

A eles sumáronse 37 ex dirixentes do PP, UCD e UPyD. Todos eles consideran que a medida "contradi a Constitución, non se adecua á nosa realidade lingüística" e é unha "imposición inaceptábel".

Entre os asinantes do texto están tres ex ministros socialistas -José Luis Corcuera, Virgilio Zapatero e Javier Sáez de Cosculluela-, ademais de dous expresidentes do Senado --Javier Rojo e Juan José Laborda--, o ex presidente da Junta de Andalucía, José Rodríguez de la Borbolla e o ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez ou o ex presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda.

A eles súmanse, entre outros, Nicolás Redondo, que acaba de ser expulsado do PSOE polas críticas realizadas contra o seu partido pola posíbel amnistía dos implicados no 'procés'; Joaquín Leguina, ex presidente da Comunidad de Madrid e tamén expulsado do partido; os exeurodiputados Alejandro Cercas e Pedro Bofill; os exdiputados José María Mohedano, Ciriaco de Vicente e Jesús Cuadrado; o ex secretario xeral de Madrid Tomás Gómez; o ex deputado no Parlamento vasco José Antonio Maturana ou a ex responsábel de Internacional do PSOE Elena Flores.

Tamén asinaron o escrito 37 ex dirixentes do PP, UCD e UPyD, entre eles os exministros Juan Carlos Aparicio, María Dolores de Cospedal, Rafael Catalá, Miguel Arias Cañete, Federico Trillo ou Isabel Tocino; os ex secretarios de Estado Gabriel Elorriaga ou Miguel Angel Cortés; o ex avogado xeral do Estado, Arturo García Tizón; a ex presidenta de UPyD Rosa Díez ou o ex ministro de UCD Jaime Espinosa, entre outros.

No texto deixan claro que o castelán é a "lingua oficial do Estado" coa que se debateu, dialogado e cumprido a misión dos parlamentarios "ao longo destes 46 anos de democracia".

Sinalan que até a data isto fíxose con total normalidade porque o castelán é a lingua "común" de todos os españois sexan "vascos, andaluces, casteláns, cataláns, estremeños" e coa que se entenden na vida cotiá en todos os lugares de España. "Ningún español necesita de intérprete cando fala con outro español", exclama a carta.

 

 

Comentarios