O PP vota "non" no Parlamento Galego a reprobar Louzán

A iniciativa do PSdeG foi apoiada polo BNG
O presidente da RFGF, Rafael Louzán (Foto: RFGF).
photo_camera O presidente da RFGF, Rafael Louzán (Foto: RFGF).

Hoxe debateuse no Parlamento Galego unha proposta do PSdeG que tivo o apoio do Bloque Nacionalista Galego mais contou co voto en contra do Partido Popular.

Trátase dunha iniciativa que demandaba da Xunta da Galiza que "lle amosase a porta de saída" ao actual presidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), Rafael Louzán.

Esta Proposición Non de Lei, defendida polo portavoz de Deporte do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamaba do Goberno galego que se dirixise á RFGF para "reprobar as actitudes machistas e impropias do seu presidente e ao seu respaldo á conduta do señor Rubiales", logo de aplaudir o xa ex presidente da Estatal, Luis Rubiales, durante a Asemblea Extraordinaria desenvolta en Madrid o pasado 25 de agosto e na que o de Motril negaba entre berros e golpes na mesa a súa dimisión.

O do PSdeG reclamaba da Xunta que lle solicitase á Federación Galega que substituíse o seu presidente polas "actitudes e valoracións favorábeis ao comportamento de Rubiales", así como que o denunciase para tomar "as medidas axeitadas coniforme á lexislación deportiva vixente".

Torrado sinalou, ademais, que non sabía "quen lle debe que, que é o que sabe, que información ten, que débedas ten e onde máis debe estar inhabilitado para que se libren dese lastre", referíndose a un Rafael Louzán que actualmente está inhabilitado para exercer un cargo público durante sete anos por prevaricación.

"Representa [facendo referencia ao ex presidente da Deputación de Pontevedra] os rescaldos das esquinas máis escuras e lamentábeis do Partido Popular", manifestou o deputado do PSdeG, que concluíu emprazando a formación que conforma o Goberno galego a "pular polo cambio e axudar a que ter gañado unha batalla non nos faga perder a guerra".

Comentarios