Opinión

Rueda, Feixoo: galegofobia

Ében triste ter que recoñecer que as galegas e os galegos temos un presidente e un ex presidente do noso país que son galegófobos. Escribía a semana pasada sobre, precisamente, esa tristeza, non só a que nos toca a nós como habitantes dun país a quen os seus mandatarios tratan de pór límites á súa lingua e cultura propias, senón tamén sobre a tristeza que provoca ver xente -máxime cando son os dirixentes dun país- que operen nesas coordenadas de autoodio. Pregúntome recorrentemente a que se deberá ese autorrexeitamento, que mágoa unha vida enteira autonegándose, agochándose. 

Hai votacións deplorábeis, e a realizada onte polas deputadas e os deputados do Partido Popular no Parlamento galego son para enviar ao pozo negro da historia. Como é posíbel que representantes do pobo galego na sede do poder lexislativo da Galiza se manifesten en contra de que no Congreso español se poida falar galego? E como é máis posíbel aínda que o ex presidente da Xunta da Galiza Alberto Núñez Feixoo ameace con recorrer tal acordo? É tremendo ouvir o PP denunciando que o Congreso activase onte o emprego do galego, euskera e catalán para que no pleno da próxima terza xa se poida falar nestas linguas. Di o PP que vai formular unha resposta xurídica... 

A Feixoo funcionoulle electoralemente a ignominia que supuxo a súa guerra aberta ao galego en 2009, onde de ganchete con Galicia Bilingüe, o ultraespañolismo, poderes económicos e medios ao seu servizo empresarial inxectaron a falsa idea da imposición lingüística. Desesperado agora por non ter aliados cos que pactar unha investidura, Feixoo encoméndase ao espírito do Cid Campeador para axitar a espada nunha foto de Colón 2.0 que onte anunciou a modo de manifestación para  evitar que se chegue a acordos cos nacionalismos. A amnistía, como o das linguas, están fóra da lei, din. Antonte, as letradas e os letrados do Congreso xa advertiron de que a entrada das linguas da Galiza, Euskal Herria e Catalunya na Cámara española ten perfecto encaixe legal.

Comentarios