O xefe da diplomacia europea avoga por "rearmar" a UE e prepararse ante unha posíbel guerra

Josep Borrell asegurou que "Rusia xa perdeu a guerra" pero que "Ucraína aínda non a gañou".
O Alto Representante de Política Exterior da UE, Josep Borrell no Foro A Toxa. (Foto: Europa Press)
photo_camera O Alto Representante de Política Exterior da UE, Josep Borrell no Foro A Toxa. (Foto: Europa Press)

O Alto Representante de Política Exterior da UE, Josep Borrell, defendeu este sábado a necesidade dun "rearmamento coordinado" da Unión Europea para preparar o bloque comunitario para unha posíbel guerra.

Así o sostivo durante a súa intervención no ‘Foro A Toxa’, na que indicou que "necesitamos un proceso de rearmamento que se faga de maneira coordinada. A miña tarefa é planificar ese desenvolvemento militar". Para Borrell "non hai mal que por ben non veña" en referencia á guerra en Ucraína: a UE debe "integrar a guerra no seu horizonte existencial e integrar as forzas armadas".

Así, engadiu que os exércitos europeos agora teñen "duplicidades e redundancias". "Gastamos catro veces o que gasta Rusia e o mesmo que gasta China e seguramente de forma menos eficaz", argumentou. "Hoxe dámonos conta de que a interdependencia soa non garante a paz” e de que “a unidade construída con acordos alambicados non basta", remarcou.

Segundo mantivo Borrell, "os instrumentos militares non son un capricho, son necesarios e imprescindíbeis para a supervivencia", subliñou. Por iso, no caso concreto de Ucraína, a UE "ten que facer máis do mesmo: máis axuda militar, máis sancións a Rusia e máis traballo diplomático para convencer a mundo".

No que respecta á inxección de fondos a Ucraína, Borrell lembrou que se destinaron 2.500 millóns de euros en axuda bélica, "algo que non se podía facer segundo os tratados", e asegurou que cada Estado pola súa conta achegou máis financiamento até chegar “á metade do que dá os EUA".

Borrell, ademais, criticou os referendos "inválidos" de adhesión á Federación Rusa de Donetsk, Luhansk, Zaporiyia e Kherson. Son votacións "celebradas da noite para a mañá, no medio dun país en guerra, sen censos nin garantías", segundo Borrell.

Rusia "xa perdeu a guerra"

O xefe da diplomacia europea sinalou que "para comerciar fan falta dúas [partes], pero para facer a guerra basta cunha". Con todo, para Borrell "Rusia perdeu xa a guerra en termos morais e políticos, pero Ucraína aínda non a gañou".

O Alto Representante da UE puxo o foco no "resentimento" de Rusia con Occidente e comparouno con China. Con todo, "China sabe moi ben que primeiro ten que ter as armas da economía e a tecnoloxía. Están a facelo e moi ben".

"Rusia non o conseguiu e agora trata de conseguilo pola violencia armada. Cando o fracaso militar siga ao fracaso económico, que pasará con Rusia?", concluíu.

Comentarios