O Kremlin pronúnciase sobre o Nord Stream: "Este gas custa moito diñeiro"

O portavoz da Presidencia rusa, Dmitri Peskov alegou que "este é un gran problema para nós.
Instalacións de Nord Stream 1 en Alemaña. (Foto: Europa Press)
photo_camera Instalacións de Nord Stream 1 en Alemaña. (Foto: Europa Press)

As fugas que se produciron no gasoduto Nord Stream, a canle de distribución de gas desde Rusia a varios países europeos, sobre todo Alemaña, provocaron un cruce de acusacións de "sabotaxe". O Goberno polaco, entre outros, acusou Moscova de ter sabotado o Nord Stream para non ter que subministrar gas natural a países da Unión Europea (UE). 

O Kremlin respondeu, a través do portavoz da Presidencia rusa, Dmitri Peskov, a estas acusacións, cualificándoas de "previsibelmente estúpidas". Peskov alegou que "este é un gran problema para nós".

"As dúas liñas do Nord Stream están cheas de gas, todo o sistema está listo para bombear gas, e este é extremadamente caro, polo que dicir que Rusia está detrás destes ataques supón unha acusación estúpida e absurda" manifestou.

Ademais, o portavoz do Kremlin tamén quixo tratar unha posíbel implicación dos Estados Unidos de América no asunto, manifestando que "hai moitas preguntas sobre o que pasou. Estamos a ver os enormes beneficios dos provedores de gas natural licuado dos Estados Unidos, que multiplicaron as súas entregas ao continente europeo".

Novas sancións a Rusia

Ante esta situación, Bruselas propuxo esta cuarta feira un novo paquete de sancións a Rusia, entre elas, un tope ao prezo do petróleo ruso. Ademais, a UE tamén se pronunciou sobre o acontecido no Nord Stream.

Segundo as primeiras investigacións, de se confirmar a teoría de que se trata de roturas deliberadas, só un Estado tería a capacidade loxística de levalas a cabo, posto que o gasoduto encóntrase a máis de 70 metros de profundidade baixo o mar. 

Sabido isto, se ben a UE non acusa ningún Estado directamente, asegurou que todo apunta a que"se trata dunha sabotaxe deliberada". Así o manifestou esta cuarta feira o alto representante da UE para Asuntos Exteriores e Política de Seguranza, Josep Borrell, quen engadiu que "a UE reaccionará dunha forma "forte e unida" e sostivo que "estes accidentes aféctannos a todos e non son, para nada, unha coincidencia".

Comentarios