A Duma Estatal rusa ratifica a incorporación do Donbás, Khersón e Zaporijia

Scholz sostén que apoiarán Kíiv o que sexa preciso após a entrada de varios territorios na Federación rusa, mentres Lituania expulsa o encargado de negocios da embaixada.
Duma Estatal rusa nunha imaxe de arquivo. (Foto: Russian parliament / dpa)
photo_camera Duma Estatal rusa nunha imaxe de arquivo. (Foto: Russian parliament / dpa)

A Cámara baixa do Parlamento de Rusia, a Duma Estatal, aprobou por unanimidade esta segunda feira a entrada de Donetsk, Luhansk, Khersón e Zaporijia na Federación, as dúas primeiras como Repúblicas e as outras dúas como rexións, o que converte as súas fronteiras nos novos lindes exteriores rusos. Esta delimitación corresponde á situación territorial do 30 de setembro no marco da guerra en Ucraína.

Os tratados de adhesión foron validados o domingo pola Corte Constitucional rusa, tras a sinatura a pasada sexta feira do presidente, Vladimir Putin, após os referendos desenvoltos na zona entre o 23 e o 27 de setembro, e que non foron recoñecidos nin pola Unión Europea (UE) nin polos Estados Unidos (EUA).

Tampouco as autoridades de Kíiv avalan a votación, reiterando que recuperarán todo o territorio controlado por Moscova. Con respecto á súa solicitude de acelerar o seu ingreso na Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), presentada como resposta a entrada dos catro territorios en Rusia, Dimitri Peskov, voceiro do Kremlin, incidiu en que están a seguir “con moito coidado” a situación, e apuntou que “foi a orientación de Ucraína cara á OTAN e a confirmación dunha futura entrada” un dos motivos para que Rusia entrara no conflito. Porén, nin a UE nin os EUA consideraron prioritaria a entrada de Ucraína na alianza militar.

Pola súa parte, a empresa rusa Gazprom anunciou que a presión nas dúas liñas do Nord Stream 1 e nunha do Nord Stream 2 foi estabilizada, centrándose os traballos na redución da presión na liña restante, isto permitirá “examinar con seguridade a integridade da liña e os posíbeis riscos medioambientais". As infraestruturas padeceron unha sabotaxe a semana pasada da que Moscova acusa os países occidentais.

Aínda que nun primeiro intre especulouse con que os gasodutos podían quedar permanentemente inutilizados, o vice primeiro ministro ruso, Alexander Novak, defendeu que o restabelecemento dos envíos de gas natural a Alemaña é tecnicamente posíbel.

Desde Berlín, o chanceler alemán, Olaf Scholz, fixo fincapé en que manterán o apoio a Ucraína “durante o tempo que sexa preciso”, confiando en que poderán garantir a subministración de enerxía durante o inverno para que “ninguén poida chantaxearnos”.

Ademais, Lituania deu onte cinco días ao encargado de negocios da embaixada rusa, Sergei Riabokon, para abandonar o país báltico, acusado de interferir nos seus asuntos internos.

Comentarios