A Xustiza belga nega a extradición de Valtònyc ao Estado español

Na porta do xulgado, o rapeiro cuestiona as sentenzas contra cantantes no Estado español, e reclama que o Executivo elimine o delito de inxurias á coroa.
Valtònyc nunha imaxe de arquivo. (Foto. Europa Press)
photo_camera Valtònyc nunha imaxe de arquivo. (Foto. Europa Press)

Josep Miquel Arenas ‘Valtònyc’, o rapeiro condenado a tres anos e medio de prisión no Estado español, non será extraditado após o fallo desta terza feira do Tribunal de Apelacións de Gante (Bélxica), que rexeita a orde de detención europea impulsada pola Audiencia Nacional.

A condena por inxurias á coroa, enaltecemento do terrorismo e ameazas, froito das letras das súas cancións, foi ratificada en 2018 polo Tribunal Supremo, o que levou a Valtònyc a exiliarse no país europeo.

Lembrándose de Pablo Hasel e dos outros 17 rapeiros condenados, o cantante declarou á saída do xulgado que “se España é un Estado fascista e está no século XVIII é porque lle interesa”, e criticou o Goberno “supostamente máis progresista de toda a historia” que non derrogue o delito de inxurias á coroa.

Un tribunal de primeira instancia de Gante xa rexeitara en 2018 a entrega de Valtònyc polos tres delitos polos que foi condenado, o que motivou un recurso por parte da Fiscalía española. No que atinxe ás inxurias contra o rei, o xuíz da causa elevara o caso ao Tribunal Constitucional belga, que resolveu ordenar o pasado outubro que se eliminara a lexislación que castigaba as inxurias contra o rei no país.

Pola súa parte, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea xa respondera ao tribunal que o Estado español non podía xulgalo por enaltecemento do terrorismo, ao intentar aplicar unha tipificación máis dura que cando aconteceron os feitos.

Con respecto ao delito de ameazas, o tribunal salienta que as letras das cancións se enmarcan dentro do exercicio da liberdade de expresión, polo que non constitúen ningún delito no marco legal de Bélxica.

A última posibilidade para a Xustiza española é o Tribunal de Casación. Con todo, este órgano revisa cuestións formais durante o proceso xurídico, polo que é pouco frecuente que acepte os recursos.

Pouco despois de facerse pública a sentenza, Amnistía Internacional solicitou ao Estado español que “harmonice a súa lexislación coas normas internacionais de dereitos humanos”, reiterando que tería que ter retirado a orde de detención.

Persecución contra Izquierda Castellana

A Audiencia Nacional decidiu manter aberta a causa para ilegalizar a forza soberanista Izquierda Castellana, informou a organización esta terza feira.

O partido censura a posición da Audiencia, que chega cando a Fiscalía e a Avogacía do Estado pediran arquivar a causa tras solucionarse as cuestións formais pendentes.

Comentarios