O caso Valtònyc tira abaixo a lei belga de inxurias á Coroa

A decisión do Constitucional afasta a posibilidade da extradición.
EuropaPress_1552775_catalunya-el_festival_in-somni_suma_valtonnyc_the_picturebooks_ebri_knight
photo_camera O rapeiro balear, residente en Bélxica, nunha foto de arquivo (Foto: Europa Press)

O Tribunal Constitucional de Bélxica considerou esta quinta feira inconstitucional a lei belga que persegue os insultos ao rei ao considerar que colide coa liberdade de expresión, nun pronunciamento que responde unha dúbida presentada polo tribunal que debe resolver a extradición do rapeiro Josep Miquel Areas, coñecido como Valtònyc.

O alto tribunal pronunciouse neste sentido ante a cuestión prexudicial presentada polo tribunal de Gante, que en setembro de 2020 elevou a cuestión alegando que Bélxica conta cunha norma do século XIX que castiga as ofensas ao monarca.

Liberdade de expresión

Agora o Constitucional sinalou que a lei belga sobre delitos contra a Coroa que data de 1847 é incompatíbel coa protección constitucional á liberdade de expresión e afirma que a normativa "non satisfai unha necesidade social urxente e é desproporcionada co obxectivo de protexer a reputación da persoa do rei".

"Conseguímolo, gañamos e Bélxica elimina as inxurias á Coroa do código penal", dixo Valtònyc

A norma castiga con penas de até tres anos de prisión as ofensas contra o monarca por discursos, gritos ou ameazas en lugares ou reunións públicas.

Ademais de considerar que non cabe unha protección especial da figura do rei, a xustiza belga indica que colide coa garantía á liberdade de expresión consagrada na Carta Magna belga e na Carta Europea de Dereitos Humanos.

A defensa do cantante celebrou a sentenza do Constitucional belga como unha "vitoria" e asegurou que é un "paso histórico" que suporá cambios no ordenamento xurídico belga. 

"Beneficio colectivo"

"Desde sempre tiven claro que quería pór o meu caso en mans dos dereitos fundamentais por beneficio colectivo. Conseguímolo, gañamos e Bélxica elimina as inxurias á Coroa do código penal", subliñou o propio Valtònyc nunha mensaxe escrita en Twitter pouco despois de coñecer a sentenza.

Comentarios