A extracción de uranio impulsa en Níxer a neocolonización francesa

Francia exime os militares que mataron a tres persoas nunha manifestación en Níxer, ao tempo que prioriza protexer as minas do uranio co que produce o 40% da electricidade do país.
Situación territorial en Níxer. (Infografía Verónica Rivadulla / Nós Diario)
photo_camera Situación territorial en Níxer. (Infografía: Verónica Rivadulla / Nós Diario)

A finais de novembro, un convoi militar francés saíu de Abidjan (Costa de Marfil) en dirección a Malí, unha ruta que fan de maneira regular. Porén, durante o percurso sufriron varias paradas, por mor das manifestacións en localidades de Burkina Faso e Níxer, que se botaron á rúa para protestar contra o operativo galo, que cualifican como unha ocupación militar que non achega nada ao desenvolvemento das comunidades locais.

Nunha das detencións, na cidade nixerina de Téra, os soldados franceses dispararon contra a poboación local para intentar superar a mobilización, matando tres persoas o día 27.

A responsabilidade directa das tropas europeas non só foi sinalada polo Ministerio de Interior de Níxer, senón que unha investigación do xornal francés Libération tamén demostrou a responsabilidade dos militares, brindando testemuños presenciais que “proporcionaron un relato concordante no que se confirma que abriron fogo para forzar o paso”.

Con todo, Florence Parly, ministra de Defensa de Francia, reportou o pasado domingo que na investigación interna que desenvolveron concluíron que “os nosos militares amosaron o control necesario e tiveron a reacción axeitada”, polo que eximen de toda responsabilidade os soldados, xustificándose nunha suposta “gran violencia” das e dos manifestantes.

De nada serviron as exixencias do presidente africano, Mohamed Bazoum, que reclamou días antes ás autoridades galas que “abran unha investigación con vistas a sancionar os culpábeis de actos reprobábeis”.

Desde 2013, Francia lidera unha operación militar na rexión do Sahel, primeiro chamada Serval e logo Barkhane, con máis de 5.000 soldados, blindados, avións, helicópteros e dróns que en teoría enfrontan as forzas xihadistas na zona.

Na procura do uranio

Aínda que a xustificación oficial da presenza francesa é a estabilización da rexión do Sahel, medios como Atalayar apuntan un motivo con máis peso aínda para os galos, garantir a seguridade das minas de uranio que posúen en Níxer.

Este país é o cuarto produtor mundial deste elemento, con pouco menos do 9% total. Mentres, en Francia, o 70,6% da súa electricidade prodúcese a través de centrais nucleares, informa a Axencia Internacional da Enerxía Atómica.

Até o 40% da electricidade consumida en Francia procede do uranio nixerino, ao tempo que o 89% da poboación do país africano non ten electricidade.

Filiais da multinacional francesa Orano -antiga Areva- comezaron a explotar na década de 1970 as minas de Somaïr e Cominak, engadindo tempo despois a mina de Imouraren. Até finais de 2019, as 150.000 toneladas de uranio extraídas, segundo a Asociación Nuclear Mundial, converteron Níxer no epicentro da seguridade enerxética francesa.

Amais da propiedade, a compañía francesa goza de vantaxes comerciais que minimizan aínda máis os beneficios de Níxer, con contratos opacos que permiten exencións de impostos aduaneiros ou dos materiais para a extracción, sostén o analista Pablo Moral, que incide en que até 2014, cando se asinou un novo acordo, Orano pagaba apenas un 5,5% de canon pola explotación, en consecuencia, en 2010, só 459 millóns de euros dos máis de 3.500 millóns que obtivo acabou nas arcas nixerinas.

Crise humanitaria

Malia os inxentes beneficios que xera a Francia a explotación de uranio, isto non se reflexa na situación socioeconómica de Níxer. Dos 189 países que inclúe o Índice de Desenvolvemento Humano, o país ocupa o 189.

A Oficina de Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios define a situación como “unha emerxencia humanitaria complexa caracterizada pola inseguridade permanente, a pobreza endémica e os efectos do cambio climático”.

Os 24 millóns de habitantes de Níxer sofren amais unha das maiores crises de desprazados sen atender, cun millón de persoas fóra das súas casas, na meirande parte dos casos polos efectos do aumento das temperaturas. Ademais do impacto directo das chuvias torrenciais, 100.000 hectáreas de terra cultivábel desaparecen ao ano pola erosión que xera este fenómeno.

A isto hai que engadir que 2 millóns de persoas padecen unha inseguridade alimentaria aguda e crónica, entrementres máis da metade das crianzas non asisten á escola. “Achégase unha gran traxedia evitábel”, subliña o coordinador de emerxencia da ONU, Mark Lowcock.

Xihadismo

Desde 1960, cando acadaron a independencia de Francia, Níxer viviu catro réximes militares e sete repúblicas, con catro golpes de Estado que acabaron por triunfar neste tempo e varios máis que fracasaron, sen acabar de librarse nunca da inxerencia colonial. A falta de desenvolvemento dunha institucionalidade consolidada levou o país a sufrir a presenza permanente de distintos grupos xihadistas que operan na rexión, concentrados na rexión de Tillabéri e do lago Chad, os principais focos terroristas no Sahel.

En Tillabéri, onde opera o Estado Islámico do Gran Sáhara e Jama'at Nusrat al-Islam wal-Muslimin (grupo afiliado a Al Qaeda), reiteráronse os asasinatos de civís e os ataques a escolas, advirte Amnistía Internacional. Só no primeiro semestre de 2021, arredor de 600 persoas morreron polo conflito, que está a provocar traumas na poboación que vive os constantes ataques mortais nas súas localidades. No que atinxe ás mulleres, corren o risco de ser secuestradas ou obrigadas a contraer matrimonios forzados.

No leste, na fronteira tripartita con Chad e Nixeria, na zona do lago Chad, son o Estado Islámico de África Occidental e Boko Haram os que controlan a rexión limítrofe. Desde 2009, 20.000 persoas foron asasinadas na rexión e máis de 2,6 millóns tiveron que fuxir.

Comentarios