Xi e Putin ratifican o aumento da cooperación estratéxica

Tres mortes nos ataques rusos contra Ucraína da sexta feira, con repercusións no sistema eléctrico, nunha xornada na que os presidentes de Rusia e a China desenvolveron unha conferencia bilateral.

Vladimir Putin, presidente de Rusia, e Alexandr Lukashenko, presidente de Belarús. (Foto: Kremlin / dpa)
photo_camera Vladimir Putin, presidente de Rusia, e Alexandr Lukashenko, presidente de Belarús. (Foto: Kremlin / dpa)

As relacións entre Rusia e a China “representan un modelo de cooperación entre grandes potencias no século XXI”, subliñou a sexta feira o presidente ruso, Vladimir Putin, durante unha conferencia virtual co seu homólogo chinés, Xi Jinping, na que fixo fincapé en que comparten a visión dunha transformación global cara a “unha orde mundial xusta baseada no dereito internacional”.

Asemade, subliñaron o aumento da cooperación mutua, cun incremento do volume comercial de arredor de 25% e co obxectivo específico de “fortalecer a cooperación entre as Forzas Armadas de Rusia e a China”, apuntou Putin.

Entrementres, Xi asegurou que “estamos listos para aumentar a cooperación estratéxica con Rusia para ser socios globais”, salientando os beneficios desta asociación para a “estabilidade en todo o mundo”. Putin convidou a Xi a unha visita de Estado na primavera de 2023.

Pola súa parte, o secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte, Jens Stoltenberg, reiterou que aínda que “pode semellar paradoxal, o apoio militar a Ucraína é o camiño máis rápido cara á paz”, e defendeu que a “dependencia do gas [ruso] fíxonos vulnerábeis”.

En Kíiv, o presidente Volodimir Zelenski sancionou unha nova Lei de medios criticada pola Unión de Xornalistas ucraínos pola ameaza que supón á liberdade de expresión, ao permitir a persecución do que se entenda como propaganda rusa, prohibir a aparición en calquera medio de persoas incluídas nunha lista negra ou afirmar que a guerra en Ucraína é un conflito interno ou civil.

Xa no Donbás, Donetsk e Luhansk aprobaron unha nova Constitución en consonancia coa súa incorporación á Federación de Rusia a finais de setembro, e na zona de Khersón controlada por Moscova foi denunciado un ataque ucraíno contra Nova Kajovka, que quedou sen electricidade.

Tres mortes

Polo outro bando, un ataque ruso contra infraestruturas enerxéticas e centros de mando ao longo de Ucraína provocou cando menos tres mortes -incluída a dun menor de idade- e “cortes de electricidade na maioría das rexións, a situación é especialmente difícil nos oblast de Kíiv e na capital, Lviv, Odesa, Khersón, Vinnytsia e Transcarpatia”, informou Zelenski.

Desde o comezo da invasión rusa foron rexistradas pola Organización das Nacións Unidas case 7.000 defuncións de civís en Ucraína e nas zonas controladas por Moscova.

 

Comentarios