7.000 vítimas civís en Ucraína desde finais de febreiro, cifra a ONU

Debate entre Kíiv e Moscova polas conversas de paz, ao tempo que a ONU eleva até case 7.000 o número de mortes entre os civís polo conflito en Ucraína.
Lanzamísiles en Donetsk. (Foto: Madeleine Kelly / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Lanzamísiles en Donetsk. (Foto: Madeleine Kelly / Zuma Press / ContactoPhoto)

A Oficina do Alto comisionado para os Dereitos Humanos da Organización das Nacións Unidas (ONU) publicou onte os últimos datos sobre o número de civís falecidos no marco da guerra en Ucraína desde que o 24 de febreiro se produciu a invasión rusa. Até 6.884 persoas perderon a vida -incluídas 401 crianzas-, ao tempo, arredor de 11.000 persoas foron feridas.

Máis de 4.000 defuncións déronse na rexión do Donbás, que acolle nestes intres o groso dos combates, marcadamente en Donetsk, posto que case todo o territorio de Luhansk está controlado por Rusia.

“A meirande parte das vítimas civís rexistradas foron causadas polo uso de armas explosivas con efecto nunha área ampla, incluídos ataques con artillería pesada, lanzafoguetes múltiples, mísiles e bombardeos”, indicou o organismo, que matizou que as dificultades para recibir a información implica que as cifras reais serán máis altas con moita seguridade.

Asemade, o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, insistiu en que non hai ningún “plan de paz” con Ucraína sobre a mesa, após anunciar o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski que levará a ONU esta proposta, asegurando que o primeiro paso é que Kíiv recoñeza o status dos catro territorios incorporados a Rusia en setembro.

Nese sentido, o representante permanente ruso na ONU, Dmitri Polianski, criticou a idea de Ucraína de excluír Rusia das conversas. “Que clase de cimeira de paz pode haber sen Rusia? É moi fácil imaxinala sen Ucraína”, ratificou. Á vez, o ministro de Asuntos Exteriores, Sergei Lavrov, afirmou que Rusia padece unha guerra declarada polos Estados Unidos en 2014, co golpe de Estado en Ucraína e o comezo da guerra.

Pola súa parte, as autoridades estonianas recomendaron a Kíiv que renuncie á petición de que Moscova sexa expulsada da ONU, destacando que nesta ocasión apenas conta con apoio internacional. Amais, no plano militar producíronse bombardeos rusos en Khárkiv e Khersón, entrementres, o Exército ucraíno atacou Donetsk.

Austria prepárase para as apagadas

Klaudia Tanner, ministra de Defensa de Austria, salientou que o Executivo estase a preparar perante unha potencial apagada. “A pregunta non é se chegará, é cando será”, resolveu. Nesa circunstancia, “un terzo da poboación xa non se podería valer por si propia ao cuarto día dunha apagada”, explicou antes de alertar que para o presidente ruso, Vladimir Putin, “os ataques de piratas informáticos na subministración de enerxía son un medio de guerra híbrida”.

 

Comentarios