Moscova confía en que Kíiv aceptará as propostas para negociar a paz

Nove millóns de persoas sen electricidade en Ucraína, informa o presidente, mentres, o seu homólogo ruso decreta o final das vendas de petróleo por vía marítima á Unión Europea.
Sergei Lavrov. (Foto: Sean Kilpatrick / Canadian Press v / DPA)
photo_camera Sergei Lavrov. (Foto: Sean Kilpatrick / Canadian Press v / DPA)

“As accións de Occidente e do seu monicreque Volodimir Zelenski [presidente de Ucraína] confirman a natureza global da crise ucraína”, defendeu onte o ministro de Asuntos Exteriores de Rusia, Sergei Lavrov.

Nese sentido, considerou que os Estados Unidos están a ser os principais beneficiarios da guerra en Ucraína, así como que “Washington estivo a traballar no obxectivo xeopolítico de romper os lazos tradicionais entre Rusia e Europa e facer que os seus satélites europeos dependan aínda máis del”, apuntando que o fin principal da alianza militar que lidera, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), é “debilitar ou incluso destruír” Rusia.

Ao respecto das propostas para efectuar unha negociación de paz procedentes de Kíiv, e que exixen entre outros que Moscova acepte ser xulgada por crimes de guerra, Lavrov amosouse confiado en que Ucraína acabará por aceptar de “maneira amigábel” as garantías solicitadas por Rusia como a “desmilitarización e desnazificación” do país e a renuncia a integrarse na OTAN, “ou o Exército ruso se ocupará deste asunto”, remachou.

Ao tempo, o presidente Vladimir Putin asinou un decreto que prohibe a exportación de petróleo e derivados a partir do 1 de febreiro de 2023 aos países que fixaron un prezo máximo ás compras deste produto no caso de proceder de Rusia por vía marítima, como os membros da Unión Europea, o G7 e Australia. Arredor de 30% do petróleo consumido no bloque comunitario procede de Moscova.

Pola súa parte, Zelenski comunicou que nove millóns de persoas non teñen subministración eléctrica en Ucraína como resultado da vaga de ataques rusos á infraestrutura enerxética, e fixou o Donbás como o epicentro dos combates. “A situación alí é difícil, grave”, incidiu.

Na zona da rexión de Donetsk controlada por Rusia, a Administración informou de que oito persoas dunha familia foron asasinadas, incluídas tres crianzas, en Makiivka despois de ser atacadas con armas automáticas. Aínda non transcendeu a autoría do tiroteo.

Turquía atopa gas no mar Negro

Recep Tayyip Erdogan, presidente de Turquía, fixo público onte que atoparon 58.000 millóns de metros cúbicos de gas natural no mar Negro a tres quilómetros de profundidade. Este achado eleva a 710.000 millóns as reservas turcas. “Lanzaremos novas perforacións o antes posíbel”, insistiu Erdogan, que adiantou que conectarán o xacemento co sistema estatal.

Comentarios