A UE convida a Zelenski e fixa en febreiro a cimeira bilateral con Kíiv

Suecia promete a Turquía que prohibirá as actividades de apoio ao PKK para alcanzar o seu beneplácito e entrar na OTAN, mentres, Bruxelas convida a Zelenski pouco despois da súa visita a Washington.
V. Zelenski e J. Biden. (Foto: Chris Kleponis / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera V. Zelenski e J. Biden. (Foto: Chris Kleponis / Zuma Press / Contactophoto)

A Unión Europea (UE) fixo pública onte unha invitación para que o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, viaxe ao bloque comunitario, pouco despois do final da súa breve estancia nos Estados Unidos (EUA), no que constituíu a súa primeira viaxe ao exterior desde o comezo da invasión rusa.

O voceiro de Exteriores, Peter Stano, quitou importancia a que o primeiro desprazamento ao estranxeiro fora a Washington e non a Bruxelas, sostendo que a “UE está presente en Ucraína todos os días”, así como que a súa acción cos EUA é conxunta, o que non evita que os norteamericanos entregaran 25.000 millóns de euros en armamento a Kíiv dos 36.000 millóns de euros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

Asemade, Bruxelas trasladou que resolveu fixar o 3 de febreiro de 2023 o seu cumio anual con Ucraína, que non se desenvolverá a nivel de xefes de Estado, matizou.

Ao tempo, Tobias Billstroem, ministro de Exteriores de Suecia, reuniuse con Mevlut Cavusoglu, o seu homólogo turco, co que se comprometeu a endurecer a súa política antiterrorista aínda máis despois da aprobación dunha nova lei en xullo. “Por exemplo, apoiar as actividades do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) en chan sueco será delito”, destacando que están facendo o posíbel para cumprir as exixencias de Ancara para que lles permita o acceso á OTAN.

A xuntanza chega após a Xustiza sueca vetar unha extradición reclamada por Turquía, a dun xornalista turco refuxiado considerado un terrorista polo Goberno de Recep Tayyip Erdogan. Cavusoglu incidiu en que o proceso de adhesión á alianza militar “será longo” e “está lonxe de terminar”.

Asemade, as autoridades escandinavas advertiron á poboación e ás empresas que se preparen para posíbeis cortes de electricidade no inverno por mor da crise enerxética na UE, agravada pola interrupción dunha das súas centrais nucleares.

Xa en Rusia, o director xeral do Organismo Internacional para a Enerxía Atómica, Rafael Grossi, negociou con Alexey Likhachev, director xeral da corporación pública rusa Rosatom, arredor da creación dunha área de seguridade na contorna da central nuclear de Zaporijia, atacada en diversas ocasións polas Forzas Armadas ucraínas.

“Observouse unha semellanza significativa de posicións sobre o proxecto”, subliña o comunicado conxunto, no que se define a conversa como “substantiva, útil e franca”. A planta, situada na localidade de Energodar, foi incorporada a Rusia a finais de setembro como parte da rexión de Zaporijia.

Comentarios