O mundo remata 2022 en guerra, até 110 conflitos armados están activos

Aínda que a guerra en Ucraína recibe a maior atención mediática, case todos os continentes padecen conflitos cun grave impacto social.
Bombardeo da aviación israelí sobre a Faixa de Gaza, en Palestina, no verán deste ano (Europa Press / Contacto / Rizek Abdeljawad).
photo_camera Bombardeo da aviación israelí sobre a Faixa de Gaza, en Palestina, no verán deste ano (Europa Press / Contacto / Rizek Abdeljawad).

A Organización das Nacións Unidas (ONU) estima que cada día do ano arredor de 100 civís -mulleres e crianzas incluídas- morren en conflitos armados. No final de 2022 hai en marcha aproximadamente 110 conflitos armados no mundo en base ás leis internacionais, cifra a Academia de Dereitos Humanos e Dereito Internacional Humanitario de Xenebra (Suíza), nun ano no que a nova positiva neste ámbito estivo no acordo de paz asinado entre Etiopía e a rexión de Tigrai, que acabou coa guerra máis sanguenta do planeta, con fontes que revelan que o número de falecementos puido superar os 800.000.

Hai combates en marcha en todos os continentes a excepción de Oceanía e a Antártida, e a inmensa maioría non son internacionais -o que non implica que non participen elementos interestatais-, senón que enfrontan distintos grupos armados, entre si ou contra as forzas gobernamentais, con conflitos que levan en marcha máis de medio século, como é o caso de Palestina, onde a poboación deste territorio loita contra a represión e o apartheid imposto polo Goberno de Israel, que aspira a asimilar todo o territorio palestino.

Tras a finalizada guerra en Tigrai, en Ucraína sitúase o conflito no que se están a reportar o maior número de vítimas. A ONU sinalou este mes que puido confirmar 6.702 vítimas civís. Con respecto ao número de mortes no eido militar, a Intelixencia dos Estados Unidos apuntou que os óbitos superaron o cuarto de millón de persoas.

Loita contra a ditadura en Myanmar

Outro dos peores conflitos está a decorrer en Myanmar, onde se intensificou a represión das Forzas Armadas para consolidar o seu control após o golpe de Estado do 1 de febreiro de 2021, case 30.000 persoas perderon a vida segundo o Proxecto de información de localizacións e eventos de conflitos armados, unha organización non gobernamental.

Amais das Forzas de Defensa Popular, creadas para organizar a resposta bélica aos militares, múltiples forzas independentistas armadas se sumaron ao combate contra os soldados, como as de Kachin, os karen ou rohingya.

A entidade tamén eleva até case 10.000 falecementos as vítimas nos combates este ano no Sahel, a rexión africana que inclúe Mauritania, Senegal, Malí, Burkina Faso, Níxer, Nixeria, Chad, Sudán, Eritrea e Etiopía, por mor da violencia dos grupos xihadistas, aliados a Al Qaeda ou Estado Islámico.

Sen saír da rexión, a violencia interna en Etiopía, especialmente coa poboación afar ou oromo, mantense a pesar do acordo cos tigriñas, mentres que no Sáhara Occidental as hostilidades contra a ocupación de Marrocos seguen en vigor.

Xa en Somalia, a guerra civil continúa desde 1991, con Somalilandia -independente de facto- como a parte máis estábel do territorio. O Executivo somalí está embarcado nunha operación contra os xihadistas de Al Shabaab que aspira a culminar en 2023.  
Á outra beira do mar Vermello, o Iemen padece o oitavo ano da guerra civil entre os hutís e o Goberno recoñecido por Arabia Saudita, que lidera a coalición militar que arrasou o país por medio de bombardeos aéreos. 11.000 crianzas perderon a vida ou foron mutiladas na guerra, informou a ONU, que a define como a peor crise humanitaria do planeta, con 23,4 millóns de persoas con necesidades humanitarias. Aínda coas solicitudes internacionais para asinar unha nova tregua os combates non cesan.

Tamén en Asia Occidental, a guerra en Siria reactívase periodicamente, malia que con un nivel de vítimas menor desde que os xihadistas da oposición siria foron perdendo terreo. A invasión turca no norte do país e do Iraq constitúe o groso dos combates na actualidade, co país en relativa calma en comparación coa inestabilidade en Libia, onde os grupos armados impoñen a súa lei desde a caída de Muammar Gaddafi en 2011.

En América, México e Colombia concentran o maior número de situacións de violencia, o primeiro no marco da guerra contra as mafias da droga e no segundo nunha loita con múltiples actores, na que o presidente Gustavo Petro aspira a que abandonen as armas coa súa política de “paz total”.

Comentarios