"Precisamos paz", roga a ONU ante a guerra en Ucraína

As hostilidades non diminúen en Ucraína cando a invasión rusa se atopa no seu décimo mes e a ONU reitera que hai que acabar coa violencia.
Graffiti de Banksy pintado en novembro en Gostomel (Ucraína). (Foto: Banksy / Instagram / PA Media / DPA)
photo_camera Graffiti de Banksy pintado en novembro en Gostomel (Ucraína). (Foto: Banksy / Instagram / PA Media / DPA)

O presente ano comezou coas agardadas negociacións de Rusia cos Estados Unidos (EUA) e a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), exixidas por Moscova para pór sobre o papel garantías que acabasen coa tensión no Donbás.

A negativa formal de Washington e a alianza militar que lidera ás propostas rusas deu paso o 24 de febreiro á invasión no marco da guerra desatada en Ucraína desde o golpe de Estado de 2014, o que acabou por consolidar as subas dos prezos a nivel global que se desataran durante a pandemia de Covid-19.

A guerra entre dous dos principais produtores de cereal do planeta tamén incentivou o desequilibrio entre os Estados de baixos e altos ingresos, como amosa o corredor humanitario pactado entre ambos os dous, Turquía e a Organización das Nacións Unidas (ONU).

Durante os primeiros 120 días desde a inauguración do mecanismo apenas 3,9% dos alimentos foron dirixidos aos territorios de baixos ingresos. Ao tempo, até 46% dos produtos que saíron do corredor humanitario acabaron na Unión Europea (UE) e o Reino Unido; unha quinta parte destes alimentos remitíronse ao Estado español.

Paralelamente, a tentativa da UE de reducir a dependencia do gas natural ruso provocou unha carreira coa conseguinte alza dos custos na que os países emerxentes de Asia están a padecer as consecuencias en forma de apagadas, coas compras de gas copadas até 2026.

Conflito internacional

No plano bélico, a guerra conta cunha ampla participación internacional. Do lado de Rusia o seu principal aliado político é Belarús, mentres que Ucraína está sendo apoiada pola OTAN e os seus satélites, pola contra, a maioría dos Estados da ONU teñen unha política de neutralidade ao respecto.

Kíiv recibiu da OTAN arredor de 36.000 millóns de euros en armas, ao que hai que engadir unha cantidade semellante de asistencia financeira, unha cifra que os Estados da alianza militar se comprometeron a acrecentar de cara á 2023. Arredor dunha cuarta parte dos Estados do mundo aceptaron aplicar sancións unilaterais en contra de Rusia e até 28 enviaron armas a Ucraína, todos países da OTAN agás Australia.

Malia o potencial dunha escalada do conflito, escenificada pola caída dun mísil da defensa aérea ucraína en Polonia que levou o presidente ucraíno Volodimir Zelenski a denunciar que se trataba dun mísil ruso e reclamar un ataque da OTAN contra Moscova, o intenso uso de armamento e munición en Ucraína está a esgotar os arsenais occidentais e rusos, perante o que os produtores de armas alertan de que levará moitos anos recuperar o nivel previo.

A ONU chama a paz

As consecuencias desta guerra, que tamén agrava os efectos das desigualdades globais, levaron o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas, António Guterres, a ratificar na madrugada de onte que “precisamos paz, agora máis que nunca”, durante o seu discurso de Aninovo.

Hai que “pór fin aos conflitos” por medio do diálogo, insistiu, para ser quen de “construír un mundo máis sostíbel” despois de que en 2022 “100 millóns de persoas se desprazaran fuxindo de guerras, incendios forestais, secas, pobreza e fame”, todas co mesmo obxectivo: ir "en busca de algo mellor".

Asemade, agardou que o novo ano implique que as mulleres e nenas “poidan vivir con dignidade e seguridade”, no contexto dunha “plena protección de todos os dereitos humanos”. “En 2023, poñamos a paz no centro das nosas palabras e accións”, resolveu o secretario xeral.

Negociacións de paz

Así e todo, malia que as propostas de negociacións de paz entre Moscova e Kíiv se multiplican, cando menos a nivel público as posicións están moi lonxe; Ucraína propón unha cimeira na ONU a comezos de 2023 na que Rusia non participaría até o final para ser xulgada por crimes de guerra, amais de retirarse de Crimea e dos catro territorios que incorporou a finais de setembro a través dun referendo non recoñecido pola ONU.

A voceira do Ministerio de Exteriores ruso, Maria Zajarova, definiu como “idea tola” a proposición de Kíiv, instando o Executivo de Zelenski a aceptar a realidade desas rexións, unha das demandas de Moscova, que se suma á garantía de que Ucraína non se integrará na alianza militar liderada polos EUA.

Precisamente con Washington é con quen o Kremlin considera que ten que negociar -á vez que os EUA remiten esta cuestión a Kíiv-, sostendo que a UE é un apéndice dos EUA e entre unha desconfianza mutua con Bruxelas, incrementada co atentado contra os gasodutos Nord Stream, que unen Rusia con Alemaña.

Esta animadversión intensificouse esta semana ao reiterar Angela Merkel, a ex presidenta alemá, que a UE non tivo intención de cumprir os acordos de Minsk, que levaron a un alto o fogo no conflito bélico interno en 2014 cunha proposta de autonomía para o Donbás e de respecto aos dereitos da poboación rusofalante, resumíndoos como un “intento de darlle tempo a Ucraína” co fin de “volverse máis forte”. A aplicación deste pacto foi unha das exixencias rusas á UE e aos EUA.

Entrementres, a guerra sigue, Kíiv denunciou ataques contra infraestruturas ucraínas en varias rexións, o que provocou interrupcións da subministración eléctrica na capital do país. Ademais, Belarús comunicou que un mísil anti aéreo ucraíno foi derribado pola súa defensa aérea, caendo nunha zona agrícola sen que se reportaran vítimas.

 

Comentarios