Rusia acusa a OTAN de obstaculizar as negociacións de paz con Ucraína

Moscova non enviará máis petróleo á Unión Europea após o tope imposto polo bloque comunitario, ao tempo, Moscova responsabiliza a OTAN de frear as conversas de paz.
Vladimir Putin, presidente ruso. (Foto: Kremlin / dpa)
photo_camera Vladimir Putin, presidente ruso. (Foto: Kremlin / dpa)

Dmitri Peskov, voceiro do Kremlin, ratificou que Rusia non ten constancia do plan de paz proposto por Volodimir Zelenski, o presidente ucraíno, debullado polos medios estadounidenses con motivo da visita do mandatario a Washington, e que o secretario do Departamento de Estado americano Antony Blinken recoñeceu ter debatido con outros Estados membros do G7.

Nese sentido, Peskov salientou que as propostas de Zelenski “non teñen en conta as realidades actuais en Ucraína”, en alusión á incorporación de catro territorios a Rusia a finais de setembro.

En termos semellantes expresouse Alexander Darchiev, director do departamento para Norte América do Ministerio de Exteriores, quen apuntou que lanzar negociacións sobre garantías de seguridade é “prematuro” mentres se manteña a inxección de “armas e fondos ao réxime [de Ucraína]” por parte dos Estados Unidos e da alianza militar que lidera, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), que comprometeu o envío a Kíiv de arredor de 90.000 millóns de euros -a meirande parte en armamento-. Asemade, tamén sinalou a presenza “dos militares estadounidenses e da OTAN no país” como un dos obstáculos desas conversas.

Amais, Moscova xa fixo pública a súa decisión sobre o prezo máximo fixado polos membros do G7, a Unión Europea (UE) e Australia para o petróleo ruso. O vice primeiro ministro, Alexander Novak, comunicou que prohibirán todo envío de petróleo e de produtos derivados a estes países, adiantando que a comezos da vindeira semana será asinado o decreto coa medida.

Á vez que sostiña que aumentarán os envíos en dirección a outros continentes, Novak anunciou un recorte de entre 5% e 7% da produción a comezos de 2023 para axustala a este novo escenario. En 2021, unha cuarta parte do petróleo e derivados consumidos na UE proviña de Rusia.

Os EUA non poden repor os seus arsenais

As empresas de armamento estadounidenses non son capaces de producir a cantidade de armas que están a utilizar os militares ucraínos, revelou The New York Times, que defende que Kíiv está a pagar as consecuencias de “milleiros de soldados mortos e escaseza de munición”.

O xornal estadounidense, que considera “difícil” que Ucraína recupere o groso dos territorios en mans rusas, destaca que o Executivo de Joe Biden negou insistentes peticións de Zelenski para enviar avións de combate, tanques, e mísiles de longo alcance ao Exército ucraíno.

Comentarios