Por vez primeira, Irlanda do Norte ten unha presidenta nacionalista

Michelle O'Neill, do Sinn Féin, foi escollida como primeira ministra após gañar o Sinn Féin as eleccións e superar 2 anos de boicot unionista.

MICHELLE O NEILL Irlanda
photo_camera Michelle O'Neill, nova primeira ministra de Irlanda do Norte. (Foto: S.F.)

“Os días en que había cidadáns de segunda desapareceron. O de hoxe é a confirmación de que nunca regresarán. Como republicana irlandesa, comprométome a cooperar, cun esforzo sincero, con todos os meus colegas do unionismo británico". Michelle O'Neill fixo historia este sábado ao converterse na primeira presidenta nacionalista de Irlanda do Norte. Fíxoo cun discurso no que pousaba a vista no futuro e na necesidade de tender pontes entre nacionalistas e unionistas, mais sen renunciar a idea dunha Irlanda unida, o soño do republicanismo irlandés que a vitoria de O'Neill volve pór en primeira liña.

O’Neill terá como viceministra princpal Emma Little-Pengelly, escollida polo unionismo para ocupar o posto. “A xente reclámanos que traballemos xuntos. Michelle é republicana; eu, unionista. Iso non cambiará. Mais as dúas sabemos que só o crecemento económico de todos levaranos cara a adiante”.

Desde o Acordo de Paz de Venres Santo, en 1998, republicanos e unionistas están obrigados a partillar Goberno norirlandés. O sistema estaba deseñado para que sempre gañasen as eleccións os unionistas. Mais iso mudou nesta última ocasión e os republicanos irlandeses foron a forza máis votada. Polo tanto, o posto de primeiro ministro do Goberno era para eles.

"Unha Primeira Ministra republicana para o Norte é un momento poderoso na historia da nosa illa. Outro acontecemento transformador que axuda a avanzar na oportunidade dun cambio constitucional. Parabén Michelle e ao equipo da Asemblea do Sinn Féin", escribiu onte o veterano líder do SF Gerry Adams.

A historia ten estas chiscadelas, a organización política que combateu durante décadas a partición de Irlanda polos británicos pasa ter agora o timón nos seis condados irlandeses baixo soberanía do Reino Unido. E as enquisas e sondaxes indican que nos 26 condados da República de Irlanda pode que non tarde moito en haber tamén unha primeira ministra muller, nacionalista e do Sinn Féin. Unha Irlanda na que, ao norte e sur da “fronteira artificial” imposta hai 100 anos goberne o Sinn Féin.

Os membros da Asemblea de Irlanda do Norte reuníronse nos edificios do Parlamento en Stormont para restaurar as institucións de poder compartido que colapsaron hai exactamente dous anos. A vitoria nas eleccións do Sinn Féin non sentou ben no unionismo, que até entón gobernara sempre estes seis condados. As consecuencias do Brexit agravaron a situación..

O Partido Unionista Democrático (DUP) abandonou Stormont o 3 de febreiro de 2022 en protesta polos acordos comerciais posteriores ao Brexit que, na súa opinión, socavaban o lugar desta rexión no Reino Unido. O partido acordou poñer fin ao boicot esta semana despois de que o seu líder, Sir Jeffrey Donaldson, arrincase ao Goberno británico unha concesión que suavizaba a chamada fronteira do Mar de Irlanda.

Comentarios