Os unionistas acaban con case dous anos de bloqueo en Irlanda do Norte

Pacto entre o DUP e o Goberno do Reino Unido.
Jeffrey Donaldson. (Foto: Rebecca Black / Pa Wire / DPA)
photo_camera Jeffrey Donaldson. (Foto: Rebecca Black / Pa Wire / DPA)

Os acordos alcanzados co Executivo do Reino Unido “proporcionan unha base para que o noso partido designe membros para o Executivo de Irlanda do Norte, logrando desa maneira a restauración das institucións elixidas localmente”, anunciou o líder do Partido Unionista Democrático (DUP), Jeffrey Donaldson, recolleu hoxe á axencia AP logo do final dunha reunión da dirección da formación a noite anterior.

A decisión dos conservadores norteirlandeses pon fin a un bloqueo político que se estendeu desde febreiro de 2022, cando o daquela primeiro ministro do DUP, Paul Givan, renunciou en protesta polo Protocolo de Irlanda do Norte, que estabelecía controis aduaneiros e restricións ás mercadorías que chegaban ao territorio desde o resto do Reino Unido, como parte das novas regulacións após a saída de Londres da Unión Europea (UE).

Para o DUP, este mecanismo poñía en risco o papel de Irlanda do Norte no Reino Unido ao crear unha fronteira de facto entre as illas. Un ano máis tarde, o Reino Unido e a UE fecharon un pacto para facilitar os controis aduaneiros, pero o DUP mantivo o bloqueo político.

Nesta ocasión, Donaldson destacou que pactaron co Goberno do Partido Conservador en Londres restaurar “a capacidade para comerciar libremente co resto do país á vez que mantemos o noso acceso ao mercado interior da UE”. Este encaixe responde á necesidade de conservar aberta a fronteira entre Irlanda do Norte e Éire como estipulan os acordos de paz que finalizaron co conflito armado no primeiro territorio.

A pasada semana o Executivo de Londres fixou o 8 de febreiro como límite para a posta en marcha do Goberno autonómico en Belfast, ou en caso contrario procedería a convocar eleccións.

O Sinn Féin farase co liderado do territorio

Prevese que nos vindeiros días Michelle O’Neill, do Sinn Féin, sexa elixida como nova primeira ministra norteirlandesa despois da vitoria da forza soberanista nos comicios de 2022, superando o DUP. No caso de decorrer un novo proceso electoral as enquisas adiantaban unha suba do Sinn Féin.

Este mes traballadoras e traballadores do sector público protagonizaron unha folga na que exixían a reactivación da Administración e un aumento salarial. Nese sentido, Londres ofreceu unha achega de 3.500 millóns de euros para os servizos públicos, mais condicionada á formación dun Executivo en Irlanda do Norte.

Comentarios