O Sinn Féin gaña as eleccións locais en Irlanda do Norte

O nacionalismo xa é a opción máis votada en Irlanda do Norte. O Sinn Féin volveu a gañar os comicios situándose por diante do  DUP (Partido Unionista Británico)

irlanda norte belfast
photo_camera Propaganda nacionalista en Belfast. (Foto: Nós Diario).

O Sinn Féin saíu vencedor dos comicios locais celebrados en Irlanda do Norte. A organización que aposta pola autodeterminación dos seis condados do norte da illa e a súa reunificación coa República de Irlanda confirma a súa hexemonía nun espazo tradicionalmente hostil.

Os nacionalistas acadaron nas eleccións 31% dos votos e 144 concelleiros, fronte ao DUP, partidario de manter Irlanda do Norte dentro do Reino Unido, que obtivo 23,3% de votos e 122 concelleiros.

A dirección do Sinn Féin reivindicou estes bos resultados como un apoio da poboación á restitución das institucións autonómicas norirlandesas, bloqueadas polo DUP ao negarse a gobernar en coalición co Sinn Féin.

O DUP xustifica este bloqueo como protesta contra o protocolo de Irlanda asinado por Londres e Bruxelas con motiivo do Brexit, onde se mantén Irlanda do Norte dentro do mercado interior comunitario europeo.

Os unionistas e votantes do DUP explican este acordo entre o Reino Unido e a UE como unha traizón do Goberno inglés a Irlanda do Norte, ao considerar  que o protocolo afasta aínda máis a comunidade protestante norirlandesa do Reino Unido.

A dirección do DUP analizou criticamente os resultados, sinalando que “o unionismo ten que mirar cara a onde vai e reagruparse". Neste sentido, Jeffrey Donaldson, o máximo dirixente do DUP criticou a postura do partido dos Unionistas do Ulster.

Jeffrey Donaldson sinalou que que “non podemos seguir nunha situación en que o voto unionista continúe escindíndose (...). O resultado é que se regalan escanos ao Sinn Féin e a outros partidos”.

A vicepresidenta do Sinn Féin e líder do partido á Asemblea de Stomont, MichelleO' Neill, afirmou que “foi unha campaña moi positiva, de compromiso. A xente comprometeuse moito".

A dirixente nacionalista apostou por “recuperar o Goberno (autonómico),  facer funcionar a política,  conectar co electorado, que saíu a participar e  por liderados en positivo”.

Comentarios