As enquisas en Irlanda do Norte abren a porta por primeira vez na historia a un Goberno liderado polo Sinn Féin

Sondaxes e inquéritos sitúan a formación republicana como a máis votada de cara ás eleccións de maio.
eleccións irlanda do norte sinn feín
photo_camera Contaxe de voto nas anteriores eleccións en Irlanda do Norte.

En 2021 fíxose o centenario da 'partición', a formalización da división da illa de Irlanda pola que seis condados irlandeses ficaban baixo soberanía de Londres. 101 anos despois daquilo, e por primeira vez na historia de Irlandfa do Norte, podería liderar o seu Goberno unha formación partidaria da reunificación irlandesa. O partido republicano Sinn Féin converterase, por primeira vez na historia de Irlanda do Norte, na principal forza política dos seis condados irlandeses baixo soberanía británica nas eleccións do vindeiro 5 de maio, de se cumprir o que vaticina a enquisa publicada no The  Irish News.

A sondaxe, da empresa Market Research Belfast, outorga a Sinn  Féin, 23,2 % dos votos, fronte a 19,4 % do Partido Democrático Unionista (DUP), o máis votado nos últimos comicios. A formación protestante foi maioritaria en Irlanda do Norte desde 2003, mais as súas loitas internas e a xestión do Brexit nos últimos meses favoreceu o avance do Sinn Féin, cuxa hipotética vitoria nos comicios levaría un partido nacionalista a encabezar, por primeira vez nos cen anos de historia da rexión, o Goberno norirlandés.

A citada enquisa sinalou que o Partido da Alianza obtería 15,6 % de votos, seguido polo Partido Unionista do  Ulster, con 14 %, e polo SDLP (nacionalista irlandés), con 9,9 %.

Sinn  Féin, 23,2 % dos votos, fronte a 19,4 % do Partido Democrático Unionista (DUP), o máis votado nos últimos comicios

O Sinn  Féin xa adiantou que, en caso de gañar as eleccións, presentará á seu líder na rexión,  Michelle O’ Neill ao posto de primeira ministra, mentres que ningunha formación unionista se pronunciou aínda respecto diso.

O Goberno de Irlanda do Norte está suspendido desde que o pasado 3 de febreiro o unionista  Paul Givan presentou a súa dimisión como primeiro ministro, o que provocou tamén a saída automática de O’ Neill como viceprimeira ministra.

O DUP forzou a caída do Executivo pola súa oposición ao Protocolo do Brexit para a provincia británica e como medida de presión para que o Reino Unido e a Unión Europea (UE) atopen unha alternativa a este mecanismo.

O protocolo, que entrou en vigor en 1 de xaneiro de 2021 xunto co resto de acordos do Brexit, obriga revisar as mercadorías que chegan a Irlanda do Norte desde Gran Bretaña para evitar a entrada incontrolada de produtos ao mercado comunitario europeo, á vez que impide unha fronteira dura entre as dúas Irlandas, clave para o proceso de paz.

Comentarios