O último borrador da COP26 de Glasgow rebaixa as expectativas

Seguen contrarreloxo a negociar na COP26 un texto que contente a todas as delegacións, cun último borrador que diminúe os compromisos que teñen que asumir os Estados.

Protestas en Glasgow (Escocia). (Foto: Andrew Milligan / PA)
photo_camera Protestas en Glasgow (Escocia). (Foto: Andrew Milligan / PA)

En teoría, esta sexta feira remataba a COP26, a Conferencia das partes sobre o cambio climático da Organización das Nacións Unidas (ONU) en Glasgow (Escocia).

Porén, como vén sendo habitual nestes encontros, a falta de acordo nunha resolución que teñen que aprobar os case 200 países presentes no evento obrigou a continuar negociando para chegar a un punto en común.

Neste sentido, esta sexta fíxose público o último borrador de acordo, negociado ao longo da madrugada anterior, baseado nun documento que xa fora criticado por entidades en defensa do medio ambiente por pouco ambicioso, rexeitando marcar o límite na loita contra o quecemento climático nun aumento de 1,5ºC en comparación coa etapa preindustrial (1850-1900).

Menos compromisos

Con todo, o novo texto inclúe aínda menos compromisos, ao eliminarse o punto no que se facía un chamamento a acelerar a fase de saída do carbón e a rematar coas axudas para combustíbeis fósiles, que se incluíra por primeira vez nun documento destas características, mais un grupo de Estados liderados por Australia e Arabia Saudita estiveron bloqueando a inclusión deste apartado, apunta a BBC.

O cambio no borrador, que agora se limita a acelerar o cambio para acadar sistemas enerxéticos limpos, así como a solicitar unha escalada da xeración enerxética limpa e acelerar a eliminación gradual da enerxía producida con carbón e cos “subsidios ineficientes” aos combustíbeis fósiles, fai previsíbel que, tras as presións dalgúns países coa fin de eliminar a referencia e a desaparición do compromiso inicial, isto implique que non se recollerá no texto final.

Revisión dos plans a finais de 2022

A pesar disto, mantense unha das grandes reclamacións das nacións insulares e do bloque de países menos desenvoltos, que exixían adiantar a finais de 2022 a revisión dos plans estatais de loita contra o cambio climático até 2030 para adaptalo aos obxectivos globais. 

Isto implica adiantar a posta en marcha de medidas de restrición das emisións de gases de efecto invernadoiro.

Amais, márcase 2025 para que os países máis desenvoltos dupliquen a súa provisión de financiamento para axudar ao resto de países a adaptarse e mitigar as consecuencias do cambio climático, tendo en conta que, segundo a ONU, estes Estados son os principais responsábeis desta situación.

Comentarios