O quecemento climático destrozará a economía de 65 Estados ao ritmo actual

O Sudán, o país que máis sufrirá as consecuencias do cambio climático, perdería o 84% do seu PIB en 2100 polo incremento das temperaturas, ao tempo que os Estados máis industrializados non cumpren cos seus compromisos de axuda.
A capital de Sudán, Khartún, despois dunhas inundacións que afectaron 300.000 persoas en setembro. (Foto: Xinhua News / Contactophoto / Mohamed Khidir)
photo_camera A capital de Sudán, Khartún, despois dunhas inundacións que afectaron 300.000 persoas en setembro. (Foto: Xinhua News / Contactophoto / Mohamed Khidir)

Os 65 países máis vulnerábeis ao cambio climático perderán o 20% do seu produto interior bruto (PIB) en 2050 se o quecemento climático se mantén como até agora. En 2100, a caída do seu PIB estímase no 64%, revelou un informe dirixido pola alemá Universidade Humboldt, presentado a segunda feira na COP26 que decorre en Glasgow (Escocia).

A conferencia sobre o clima auspiciada pola Organización das Nacións Unidas (ONU) entra na súa derradeira semana pendente de abordar as negociacións co bloque dos Países menos desenvoltos (LDCs) e coa Alianza dos pequenos Estados insulares (Aosis).

En 2009, os territorios máis industrializados, que segundo a ONU son responsábeis do 75% das emisións de gases de efecto invernadoiro, comprometéronse a xuntar cada ano até 2020 uns 86.000 millóns de euros para os Estados máis expostos ás consecuencias do aumento da temperatura no planeta.

Porén, até un 20% desa cifra está sen pagar. Os países máis contaminantes marcaron 2023 como a data para rematar de aboar os cartos que deben, apunta Swissinfo.

Con todo, o estudo publicado no medio dos debates na COP26 incide en que aínda tomando medidas para que o incremento da temperatura non supere os 1,5ºC até final de século -agora é de 1,09ºC- con respecto ao final do século XIX, os 65 países máis afectados perderían en tres décadas o 13% do PIB, o 33% en 2100.

No documento saliéntase que máis dun terzo dos Estados do mundo precisa axuda inminente para resistir o avance de secas, ondas de calor, inundacións e tormentas cada vez máis intensas por mor do cambio no clima.

A autora principal da investigación, Marina Andrijevic, sinala que a “capacidade dos países do Sur Global para desenvolverse de maneira sostíbel está seriamente comprometida”, polo que insistiu en que “as decisións políticas que tomamos agora son cruciais para previr danos maiores”.

Os focos principais deste Sur Global a nivel de vulnerabilidade ao aumento da temperatura son os Estados insulares dos océanos Pacífico e Índico co gallo das mareas ciclónicas e a suba do nivel do mar, e mailos países africanos.

Os máis vulnerábeis

Dos dez países máis vulnerábeis da listaxe, oito pertencen a este continente e os dous restantes a América do Sur: Surinam e Güiana. Estas zonas enfróntanse a unha destrución do 70% do PIB en 2100. Incluso cumprindo o límite de 1,5ºC a caída avaliada sería do 40%.
O lugar que xera as peores previsións é o Sudán, onde se a situación non muda padecerían unha diminución do PIB do 32% en 2050 e do 84% en 2100.

“África fixo o mínimo para provocar o cambio climático, pero este informe amosa que vivirá as consecuencias máis graves. Iso é profundamente inxusto", laiouse Mohamed Adow, director do grupo de expertos Power Shift Africa, entrevistado por Al Jazeera.

Tamén o secretario xeral da ONU, António Guterres, recoñeceu nunha xuntanza cos países vulnerábeis na COP26 que “vós sodes os primeiros en sufrir e os últimos que reciben axuda”.

Os países máis ricos "temen" responsabilizarse

Os países máis industrializados teñen “temor, por non dicir paranoia, sobre as cuestións de responsabilidade e as compensacións”, indica a AFP Yamine Dagnet, do Instituto de Recursos Mundiais.

Por este motivo pretenden que as perdas e danos se inclúan no financiamento de adaptación ao cambio climático, que representou unha cuarta parte do previsto inicialmente. 
 

Comentarios