Comeza a COP26, a oportunidade de deixar de "cavar a nosa tumba"

A comunidade científica exixe acadar as cero emisións antes de 2050. Para alcanzar este obxectivo, cara ao final desta década as emisións de gases de efecto invernadoiro terían que diminuír un 45% con respecto a 2010, porén, os datos actuais sitúannos moi lonxe dese obxectivo.
O primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, durante a intervención na cimeira. (Foto: Goberno do Reino Unido)
photo_camera O primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, durante a intervención na cimeira. (Foto: Goberno do Reino Unido)

Tras a inauguración do domingo, esta segunda feira comezaron en Glasgow, Escocia, os traballos da XXVI Conferencia das Partes da Organización das Nacións Unidas sobre o cambio climático (COP26), coa vista posta nas medidas para implementar o acordo da conferencia de París en 2015 para que o aumento da temperatura global non supere os 1,5 graos neste século con respecto aos niveis preindustriais (1850-1900).

Durante 12 días, case 200 líderes mundiais debaterán como adaptar a economía mundial a uns obxectivos que dependen en boa medida da China, os Estados Unidos (EUA), India e Rusia, que emiten o 55% do CO2 no planeta.

A implicación das principais potencias contaminantes, que bloquearan até o de agora os acordos, é imprescindíbel e urxente, sostén o Panel intergobernamental sobre cambio climático da institución (Ipcc polas súas siglas en inglés), que estima no seu último informe un quecemento medio de 4,4ºC nalgún intre cara ao fin deste século, de manterse a situación actual.

Até 2021, o quecemento rexistrado é de 1,09ºC, isto obriga segundo o grupo de expertas a diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro a cero neto antes de 2050, como único xeito de poder cumprir os obxectivos marcados. Con todo, en determinados Estados, como é o caso de Alemaña, o nivel medio de temperatura xa se sitúa 1,6ºC por riba do estándar preindustrial.

Un acordo irreal cos datos actuais

Nesta década, a redución das emisións globais ten que supor un 45% en comparación con 2010 para manter a posibilidade de mitigar o aumento da temperatura, defende o Ipcc. Porén, cos compromisos actuais sobre a mesa, en 2030 botaranse á atmosfera un 16,3% máis destes gases que en 2010.

Os datos recompilados pola comunidade científica explican diversos fenómenos que xa non se poden atribuír a outra fonte. Os sete exercicios transcorridos entre 2015 e 2021 foron os anos máis cálidos desde que se iniciaron os rexistros, mentres que o aumento do nivel medio do mar supera os 10 cm desde 1993 por mor da perda de masa dos mantos de xeo.

A isto hai que engadir ondas de calor extremo en América do Norte (cunha temperatura máxima de 54,4 ºC en California) ou a rexión mediterránea (50,3ºC en Tunisia e 48,8ºC en Sicilia), chuvias extremas que xeraron inundacións como as vividas en xullo na China e no centro de Europa, que deixaron arredor de 200 persoas falecidas entre Alemaña e Bélxica, ou secas en lugares como América do Sur e África.

“O éxito é posíbel”

Malia a falta de medidas tanxíbeis en anteriores edicións, a secretaria executiva da ONU para o cambio climático, Patricia Espinosa, salientou antes do comezo da cimeira que o “éxito na COP26 é enteiramente posíbel”, mentres que o presidente do cumio e ministro británico para o Desenvolvemento Internacional, Alok Sharma, apuntou que a xuntanza “é a última e mellor esperanza para manter estes 1,5ºC ao noso alcance”.

Até o de agora, foron os Estados menos contaminantes os que presentaron os plans máis ambiciosos para acadar un desenvolvemento sostíbel, polo que as esperanzas están postas nos EUA e máis na China, que suman o 42% das emisións de gases de efecto invernadoiro contabilizadas pola ONU. Por parte dos EUA, o seu enviado especial para o cambio climático, John Kerry, comprometeuse para asinar unha serie de medidas que permitan reducir o 45% das emisións até 2030.

O presidente chinés, Xi Jinping, dirixirase á conferencia por medio dunha mensaxe escrita, a súa ausencia estaba prevista logo de non abandonar o territorio desde o comezo da pandemia da Covid-19. A estratexia do país céntrase nunha redución da demanda de carbón e no impulso das renovábeis, unha programación que leva a China a producir un terzo da enerxía solar mundial e a ser o primeiro produtor mundial de enerxía eólica. A finais de setembro, xa anunciou que deixaría de financiar centrais de carbón no estranxeiro como parte desta estratexia.

Protestas

A COP26 está marcada polas protestas para reclamar ás e aos responsábeis políticos que pasen das palabras aos feitos. As informacións ofrecidas polas entidades en defensa do medio ambiente indican que cando menos 100.000 persoas sairán á rúa na cidade escocesa, encabezadas por plataformas como Extinction Rebellion e Insulate Britain.

Isto mesmo reclamou na cerimonia de apertura dos traballo da segunda feira Antonio Guterres, secretario xeral da ONU. “É o intre de dicir basta. Basta de atacar a biodiversidade, basta de matarnos a nós mesmos con carbono, basta de tratar a natureza como un retrete e de cavar a nosa propia tumba”, resolveu.

Tamén advertiu que “aínda que as recentes promesas sexan reais e críbeis, e hai serias dúbidas sobre algunhas delas, estamos aínda achegándonos a unha catástrofe”.

Adeus a cidades enteiras

Asemade, o primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, que encabeza o Estado anfitrión da cimeira, alertou que é preciso actuar agora, co gallo de que con catro graos máis de temperatura “diremos adeus a cidades enteiras”.

“Canto máis tempo esteamos sen tomar medidas, peor será e máis alto será o prezo cando finalmente nos vexamos obrigados pola catástrofe a actuar”, afirmou onte Johnson durante a súa intervención.
 

Comentarios