O 1% máis rico fai imposíbel cumprir o obxectivo da COP26

O 90% máis pobre non inflúe á hora de cumprir os obxectivos de quecemento do planeta, recolle un informe publicado esta sexta feira. Porén, só a previsión de emisións do 10% máis rico en 2030 descarta que se poida limitar o aumento de temperatura a 1,5ºC a final de século.
Campo de refuxiados na República Centroafricana. (Foto: Aurélie Godet / Oxfam)
photo_camera Campo de refuxiados na República Centroafricana. (Foto: Aurélie Godet / Oxfam)

A pegada de carbono do 1% máis rico do planeta superará en 30 veces a pegada necesaria para cumprir o Acordo de París en 2015 para que a temperatura mundial non exceda os 1,5ºC de incremento a finais de século. Precisamente, na COP26 que está a decorrer en Glasgow (Escocia), negócianse as medidas para executar ese acordo.

Nun estudo de Oxfam Intermón, o Instituto para a política medioambiental europea e o Instituto medioambiental de Estocolmo, concluíuse que para cumprir ese obxectivo, cada habitante do mundo tería que diminuír á metade a pegada de carbono actual, até as 2,3 toneladas de CO2 anuais.

No informe, estímase que en 2030 o 50% máis pobre da poboación da Terra continuará a producir emisións moi por debaixo dos niveis precisos para que o incremento de temperatura non supere o grao e medio.

Pola outra banda, as emisións do 1% máis rico serán 30 veces superiores a ese limiar, polo que terían que reducilas nun 97% de aspirar a acadar os niveis requiridos.

Só o total de emisións do 10% máis rico excede o previsto para cumprir coa meta, de xeito independente ao que faga o 90% restante.

“Parece que unha pequena elite ten barra libre para contaminar todo o que queira, poñendo en perigo o obxectivo global de limitar o quecemento do planeta”, incidiu Jacobo Ocharán, responsábel da iniciativa climática de Oxfam Intermón, que lembrou como “as emisións que produce o voo dun milmillonario ao espazo superan as que xera unha das mil millóns de persoas máis pobres na súa vida”.

Elite contaminante

O traballo narra como o aumento da temperatura “é un reflexo do exceso de emisións dunha pequena elite, a máis rica”, indica o seu autor, Tim Gore, que recomenda que “os Gobernos dirixan as súas medidas aos máis ricos, quen máis contamina. Isto inclúe adoptar medidas para limitar tanto as emisións xeradas por artigos e servizos de luxo como megaiates, avións privados e viaxes ao espazo, como os investimentos intensivos en carbono”.

Esa responsabilidade esténdese ás súas compañías, un estudo do Proxecto internacional de divulgación de carbono desvela que cen empresas emitiron o 71% dos gases de efecto invernadoiro desde 1988.

Comentarios