A UE recorre a anulación dos acordos con Marrocos polo Sáhara Occidental

Os Estados membros da UE impugnan a sentenza que obriga a contar co consentimento da Fronte Polisario para aprobar acordos que impliquen o Sáhara Occidental.
O 91% das capturas do acordo sitúanse no Sáhara Occidental. (Foto: Cepesca)
photo_camera O 91% das capturas do acordo sitúanse no Sáhara Occidental. (Foto: Cepesca)

A finais de setembro, o Tribunal Xeral da Unión Europea resolveu anular os acordos pesqueiros e comerciais de Marrocos coa UE por incluír o Sáhara Occidental sen o consentimento da Fronte Polisario, o lexítimo representante do territorio segundo a Organización das Nacións Unidas e a Unión Africana.

Porén, os Gobernos dos países membros da UE aprobaron esta sexta feira recorrer a decisión do tribunal para intentar manter a vixencia aínda sen o visto e prace da poboación saharauí, nunha decisión ratificada polas ministras e ministros de Asuntos Exteriores.

O pacto de pesca afecta as augas da colonizada República Árabe Saharauí Democrática, mentres que o tratado de comercio outorga aos produtos que proveñen do Sáhara Occidental unha diminución dos aranceis para acceder ao bloque comunitario, no que, lembra a sentenza, é aínda unha zona pendente dun proceso de descolonización.

Expolio do territorio

Un 91% das capturas que forman parte do acordo proveñen das augas saharauís, o que reporta a Marrocos 52 millóns de euros anuais. O Estado español, un dos principais responsábeis do falido proceso de descolonización ao abandonar a favor de Marrocos un territorio no que constituíra unha colonia, é o principal beneficiario do acordo. Até 92 dos 128 buques autorizados pertencen a este Estado.

No fallo, o tribunal permitiu que o acordo continuara en vigor dous meses e dez días máis, o tempo co que contaban os Estados da UE para presentar o recurso, pero a decisión desta sexta feira permite que teñan vixencia até que haxa unha sentenza definitiva do mesmo tribunal.

Durante o litixio, estes países argumentaron que a Fronte Polisario non tiña nin lexitimidade nin capacidade de presentarse como afectada perante o Tribunal Xeral da Unión Europea.

Tamén argüíron que, por unha banda era “imposíbel na práctica” obter o consentimento dos habitantes do Sáhara Occidental pola “situación particular” do territorio, e pola outra que fixeran consultas coa “poboación afectada”, que lles transmitira a súa aprobación.

A pesar diso, todas as xustificacións foron tombadas pola Xustiza, que ratificou que “non pode considerarse que as xestións da UE antes dos acordos permitiran obter o consentimento” popular, así como que os pactos “teñen efectos directos sobre a situación xurídica da Fronte Polisario na súa calidade de representante dese pobo e de parte no proceso de autodeterminación dese territorio”.

Comentarios