venres 24/09/21

Israel e Marrocos estreitan lazos, unidos pola ambición territorial

A diplomacia de EUA 'castiga' a palestinos e saharauís.
israel_marrocos
Inauguración onte, por Yair Lapid, da oficina diplomática israelí na capital de Marrocos, Rabat (Foto: IsraelMFA / Twitter)

O ministro de Exteriores de Israel, Yair Lapid, inaugurou onte a misión diplomática do país en Marrocos, no marco dunha visita oficial de dous días para fortalecer as relacións bilaterais, tras acordaren en 2020 restabelecer lazos. Aquel acordo produciuse no contexto dunha negociación a tres bandas, pola que o Goberno dos EUA recoñecía a soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental a cambio de Rabat iniciar relacións con Tel Aviv. Un golpe duplo para as aspiracións dos pobos saharauí e palestino.

A visita de Lapid, que a cualificou en Twitter de "momento histórico", é a primeira dun ministro de Exteriores israelí desde 2003. Na cuarta feira reuniuse co seu homólogo marroquí, Naser Burita. E onte, ademais da inauguración da misión, estaba prevista unha reunión en Casablanca con membros da comunidade xudía e un rezo na sinagoga Beth-El. 

Lapid dixo que a visita "é continuación da longa amizade e fondas raíces e tradicións da comunidade xudía e da comunidade israelí con orixes en Marrocos". 

Previo ao estabelecemento do Estado de Israel, en 1948, Marrocos albergaba unha importante poboación xudía, cuxos antergos chegaron procedentes da Península Ibérica tras a expulsión ordenada en 1492. Marrocos e Israel manteñen relacións informais desde hai décadas. Na de 1990 intensificáronse tras os acordos de paz entre israelís e palestinos, mais racharon por completo en 2000 coa Segunda Intifada. 

Dous Estados

Lapid entregou ás autoridades marroquís unha carta do presidente israelí, Isaac Herzog, convidando o rei Mohamed VI a visitar Israel. Na misiva, publicada polo ministro en Twitter, Herzog agradece ao monarca a "decisión de establecer unhas relacións diplomáticas totais, pacíficas e amigábeis" e a súa contribución "á reconciliación árabe-israelí".

Neste sentido, Bourita, avogou pola necesidade de continuar coas negociacións para pór fin ao conflito. "É a única forma de chegar a unha solución final, sostíbel e global sobre a base da solución de dous Estados, vivindo un á beira do outro en paz e seguridade", sinalou.

"É imperativo preservar o carácter único da Cidade Santa [Xerusalén] como patrimonio universal da humanidade, dotado dun profundo simbolismo e un espírito para os discípulos das tres relixións monoteístas", dixo Bourita. E Lapid retrucou que "as únicas guerras que teñen algún significado son aquelas contra a pobreza, a ignorancia, as pandemias e a enfermidade", para despois citar o Corán: "de se inclinaren cara á paz, ti tamén debes inclinarte cara a ela".

Continuidade diplomática

Israel chegou, coa mediación do expresidente estadounidense Donald Trump, a outros acordos similares con Emiratos Árabes Unidos (EAU), Bahrein e Sudán. Lapid viaxou recentemente a EAU para abrir a embaixada e un consulado israelís neste país.

O actual Goberno dos EUA, por medio do seu ministro de Exteriores, Anthony Blinken, tamén manifestou "satisfacción" pola visita do legado israelí a Marrocos. "A viaxe de Lapid, o primeiro a Marrocos por parte dun xefe diplomático israelí desde que se anunciou o acordo para estabelecer relacións diplomáticas plenas entre ambos os países, é importante para Israel, para Marrocos e para a rexión en xeral".

"EUA seguirá a traballar con Israel e Marrocos para fortalecer as nosas asociacións e crear un futuro máis pacífico, seguro e próspero para todas as persoas da rexión", engadiu, eludindo citar o conflito do Sáhara. 

comentarios