O Estado desenténdese do conflito no Sáhara Occidental

Aínda co conflito bélico que mantén o Reino de Marrocos e a República Árabe Saharauí Democrática, antiga colonia do Estado, o Goberno español continúa coa preparación da cimeira aprazada o 17 de decembro, e desbota que haxa calquera "circunstancia política" que enturbe a relación.
Manifestación en Donosti en apoio á República Árabe Saharauí Democrática. (Foto: Javi Julio / SOPA Images via ZUMA / DPA)
photo_camera Manifestación en Donosti en apoio á República Árabe Saharauí Democrática. (Foto: Javi Julio / SOPA Images via ZUMA / DPA)

O Goberno do Estado defendeu hoxe que a relación con Marrocos é moi estreita e que os contactos son constantes, a pesar do conflito bélico que manteñen desde hai 5 meses a República Árabe Saharauí Democrática e o Reino de Marrocos.

Con respecto á cimeira prevista para o pasado 17 de decembro e finamente aprazada pola evolución da Covid-19, fontes diplomáticas sinalan que a preparación do encontro continúa, mais aínda non é posíbel marcar unha data, tanto polas circunstancias derivadas da pandemia como polo Ramadán que está a celebrar o mundo árabe e que remata o vindeiro 12 de maio.

O Ministerio de Exteriores español insistiu nos últimos meses en que non había ningunha circunstancia política que adiara a xuntanza, e que xustificou en que este tipo de cimeiras implican a participación de moitos ministerios e os xefes de goberno, ademais de que Marrocos suspendeu os voos con dirección ao Estado tras fechar as fronteiras marítimas e terrestres.

Dese modo, a organización da xuntanza mantense. Hoxe mesmo, a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, tivo un encontro por videoconferencia co seu homólogo marroquí, Moulay Hafid.

Desde o Goberno do Estado, a única voz discordante chegou cunhas declaracións de Pablo Iglesias cando se desempeñaba como vicepresidente segundo o novembro pasado, na que reclamaba que o Estado se responsabilizara dunha situación creada por el mesmo.

Desde que o 14 de novembro de 2020, o Sáhara Occidental declarou roto o cesamento de fogo asinado en 1991 pola entrada ilegal do exército marroquí na zona de separación de Guerguerat, onde segundo o acordo non podía entrar ningún dos exércitos en liza. Rabat nega o conflito e busca xustificar a colonización do territorio saharauí co apoio de países como os Estados Unidos.

A isto súmase a falta de compromiso da Organización das Nacións Unidas e o Estado español, antiga potencia colonial, coa realización dun referendo de independencia, pendente desde 1976.

Comentarios