Turquía trata con Rusia a volta ao acordo de exportación do Mar Negro

Polonia envía máis militares á fronteira de Belarús após denunciar unha incursión de dous helicópteros de Minsk.
Recep Tayyip Erdogan. (Foto: Apa Images Via Zuma Press Wire / DPA)
photo_camera Recep Tayyip Erdogan. (Foto: Apa Images Via Zuma Press Wire / DPA)

Recep Tayyip Erdogan, presidente de Turquía, incidiu a cuarta feira nunha conversa telefónica co seu homólogo ruso, Vladimir Putin, en que proseguirán cos esforzos para restabelecer o acordo de exportación de gran ucraíno polo Mar Negro, asinado en xullo de 2022 por ambos os dous países, amais de Ucraína e a Organización das Nacións Unidas (ONU). Erdogan describiu a iniciativa como unha “ponte de paz”.

O líder do Kremlin respondeulle que Moscova volverá ao acordo -que suspendeu a mediados de xullo- unha vez que se cumpran os aspectos referidos á fin dos obstáculos para a exportación de cereais e fertilizantes rusos, derivados das sancións coercitivas contra Rusia impulsadas pola Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) a raíz da invasión de Ucraína.

Asemade, Erdogan “expresou a importancia de absterse de tomar medidas que poidan aumentar as tensións durante a guerra entre Rusia e Ucraína”, tras os ataques de drones contra a capital rusa nas últimas xornadas.

Pola súa parte, o presidente brasileiro Lula da Silva aseverou que as propostas de paz que desenvolven con outros países neutrais no conflito estarán preparadas cando ambas as partes teñan vontade de negociar, subliñando que nin Putin nin o mandatario ucraíno Volodimir Zelenski “están listos  para a paz”.

No plano militar, Ucraína denunciou ataques rusos contra Kíiv, Odesa e Izmail, onde se sitúa o principal porto ucraíno no río Danubio, na fronteira con Romanía.

Klaus Iohannis, presidente romanés, considerou os ataques a Izmail como “crimes de guerra” que “afectan aínda máis a capacidade de Ucraína para transferir os seus produtos alimentarios aos necesitados do mundo”, tras os danos nun almacén de cereais, mentres que a axencia RIA trasladou que os ataques responderon á presenza de instalacións para albergar mercenarios.

Pola súa parte, Polonia fixo público que ampliará a presenza militar nos lindes con Belarús, logo de denunciar a terza feira que dous helicópteros belarusos entraron no seu espazo aéreo. Esta semana Varsovia reiterara que o grupo ruso de mercenarios Wagner estaba localizado perto do seu territorio, mais Washington descartou que houbese algunha ameaza nese sentido.

As autoridades polacas tamén anunciaron que convocaron o representante diplomático de Ucraína no país, tras aplicar Kíiv a mesma medida un día antes despois de que un asesor do Gabinete de Varsovia criticara a falta de gratitude ucraína polo seu apoio na guerra.

Comentarios