A UE advirte da persecución política do Executivo polaco de ultradereita

Washington súmase á oposición polaca e critica a norma aprobada por Varsovia.
Didier Reynders, comisario de Xustiza da UE. (Foto: Christophe Licoppe / European Comm / DPA)
photo_camera Didier Reynders, comisario de Xustiza da UE. (Foto: Christophe Licoppe / European Comm / DPA)

“Estamos particularmente preocupados”, recoñeceu a terza feira Didier Reynders, comisario de Xustiza da Unión Europea (UE), que adiantou un proceso de infracción se Polonia, gobernada pola extrema dereita, implementa a norma asinada a segunda feira polo presidente Andrzej Duda, que permite a creación dunha comisión parlamentaria para investigar a “influencia rusa” con potestade para condenar participantes no sistema político do país sen o control dunha xuíza ou xuíz.

Esta comisión, que estaría presidida polo primeiro ministro Mateusz Morawiecki xunta oito parlamentarios da súa escolla, está dirixida a profundar na actuación dos Executivos do país entre 2007 e 2022, perseguindo “os responsábeis de actuar baixo influencia de Rusia en detrimento dos intereses de Polonia”, unha categoría na que inclúe as persoas que asinaran contratos de importación ou acordos de concesión de proxectos públicos a empresas rusas.

As atribucións deste órgano permitiríanlle impor inhabilitacións de 10 anos para acceder a cargos públicos sen posibilidade de apelación.

Reynders fixo fincapé neste último aspecto, subliñando que fai dubidar sobre o respecto en Polonia “ás normas de acceso á Xustiza” e a un “xuíz independente”, ao obstaculizar a medida o acceso das persoas acusadas ao sistema xudicial, un dereito en teoría garantido no bloque comunitario.

A oposición polaca denunciou que o Goberno de ultradereita pretende perseguir as súas candidaturas xustificándose na loita contra a influencia rusa, sobre todo ao seu previsíbel aspirante a dirixir o país, o conservador Donald Tusk, que xa se desempeñou como primeiro ministro entre 2007 e 2014, e destacou que a comisión se apropiaría de atribucións da Intelixencia, a Fiscalía e o sistema xudicial.

Tamén os Estados Unidos apoiaron esa interpretación. Matthew Miller, o voceiro do Departamento de Estado, asegurou que a nova comisión “podería utilizarse indebidamente para interferir nas eleccións libres e xustas de Polonia”.

Así e todo, Morawiecki indicou que traballa para que “tantos países e institucións da UE como sexa posíbel” lancen as súas propias investigacións sobre a influencia rusa, e Duda precisou que o Tribunal Constitucional estudará os puntos que “xeran dúbidas”.

Malia anteriores advertencias sobre a situación do Estado de dereito en Polonia de Bruxelas, desde a invasión rusa diminuíra o seu nivel en paralelo ao aumento de influencia de Varsovia no bloque comunitario.

Comentarios