Ucraína ataca Moscova mentres Rusia golpea Khárkiv e Khersón

Os Estados Unidos negan que Wagner ameace Polonia como alerta Varsovia, que achegou soldados á súa fronteira con Belarús.
Ataque dun drone en Moscova. (Foto: Bai Xueqi / Xinhua News / Contactophoto)
photo_camera Ataque dun drone en Moscova. (Foto: Bai Xueqi / Xinhua News / Contactophoto)

Un rañaceos que alberga tres Ministerios do Executivo ruso no distrito financeiro de Moscova, a capital do país, sufriu na madrugada da segunda á terza feira o segundo ataque cun drone en tres días, que foi cualificado polas autoridades rusas como un “ataque terrorista” de Ucraína, indicando que outros dous drones foron destruídos polos sistemas de defensa e un terceiro estrelouse na urbe.

Mykhailo Podolyak, asesor do presidente ucraíno Volodimir Zelenski, incidiu en que “Moscova se está a acostumar rapidamente a unha guerra en toda regra”, e adiantou que o conflito se trasladará a territorio ruso con “máis drones non identificados, máis derrubamentos, máis conflitos civís, máis guerra”.

Podolyak acusou Rusia de estar detrás do golpe de Estado dos militares en Níxer a pasada cuarta feira, un extremo que Francia negou, sostendo que en todo caso Moscova pode aproveitar a situación, no marco do crecemento do sentimento anticolonial no continente.

Amais, Mikhail Razvozhaev, gobernador de Sebastopol, en Crimea, sinalou que un drone foi derrubado na área, e o Ministerio de Defensa ruso comunicou que rexeitou un intento de ataque por medio de lanchas non tripuladas contra embarcacións civís no Mar Negro, algo que Kíiv negou insistindo en que non atacan buques civís.

Pola súa parte, autoridades ucraínas informaron de ataques rusos con drones contra Khárkiv que impactaron en áreas poboadas, e dun bombardeo en Khersón que afectou un hospital, provocando o falecemento dun médico.

Ao respecto da contraofensiva militar ucraína que comezou os primeiros días de xuño, sen que polo de agora levara a avances relevantes, Denis Pushilin, gobernador da zona da rexión de Donetsk controlada polas tropas rusas, apuntou que ambos os bandos pugnan polo control do asentamento de Staromaiorske, poucos días despois de que Zelenski celebrara a súa “liberación”.

Ao tempo, Oleh Nikolenko, titular de Exteriores de Ucraína, transmitiu a Polonia que os comentarios dun asesor do Gabinete que criticou a falta de gratitude ucraína polo seu apoio na guerra son “inaceptábeis”.

No que atinxe a Varsovia, que denunciou a presenza do grupo ruso de mercenarios Wagner  perto da súa fronteira, en territorio de Belarús, e mobilizou militares nesa dirección, o voceiro do Consello de Seguridade Nacional da Casa Branca, John Kirby, asegurou que Washington non ten coñecemento de que Wagner represente unha ameaza para Polonia.

Comentarios