Turquía acepta ser o nodo de exportación de gas natural ruso

Rusia alerta dunha nova Guerra Mundial se Kíiv entra na OTAN após as ameazas de Borrell. Pola súa parte, Ancara confirma que acepta a solicitude rusa de acoller un centro de distribución do seu gas natural.
O presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, xunta o presidente ruso, Vladimir Putin. (Foto: Kremlin / dpa)
photo_camera O presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, xunta o presidente ruso, Vladimir Putin. (Foto: Kremlin / dpa)

Un día despois de que o presidente ruso, Vladimir Putin, propuxera ao seu homólogo turco, Recep Tayyip Erdogan, que Turquía se desempeñase como nodo para as exportacións de gas natural de Rusia a outros países, o mesmo Erdogan confirmou que deu orde ao Ministerio de Enerxía e Recursos Naturais de Ancara para que traballe na proposta xunta a súa contraparte rusa.

A axencia Anatolia debullou que o mellor lugar para o “centro de distribución internacional” é Tracia Oriental, onde chega o gasoduto Turkstream desde a rexión rusa de Krasnodar. Putin confirmou que esta infraestrutura é na actualidade o gasoduto máis fiábel para as súas exportacións.

Segundo explicou, esta vía podería asumir o volume de gas natural que antes se prevía distribuír á Unión Europea polos gasodutos Nord Stream 1 e Nord Stream 2, que sufriron unha sabotaxe a finais de setembro que Moscova definiu como “un acto de terrorismo internacional”, responsabilizando indirectamente os Estados Unidos, o maior beneficiado da interrupción da ruta que provía gas directamente a Alemaña. Así e todo, o gasoduto Turkstream tamén foi obxectivo de intentos de sabotaxe, desvelou o Kremlin.

No que atinxe á investigación sobre a explosión que inutilizou tres das catro liñas dos Nord Stream, Der Spiegel informou esta sexta feira de que Suecia rexeitou a investigación conxunta con Alemaña e Dinamarca, ao considerar que non podería compartir os resultados con outros Estados por razóns de seguridade. Rusia xa anunciou que se os seus expertos non participan nas pescudas, dunha infraestrutura cuxo propietario maioritario é a rusa Gazprom, considerará que están a “encubrir os responsábeis”.

No tocante á guerra en Ucraína, Putin aseverou que “non hai necesidade de máis ataques masivos”, após os ataques con mísiles e drons esta semana que atribuíu á resposta polos “atentados terroristas” de Kíiv, como o que afectou á ponte que une Crimea con Rusia.

Terceira Guerra Mundial

Amais, o vicesecretario do Consello de Seguridade de Rusia, Alexander Venediktov, sostivo despois das ameazas do Alto representante da Unión Europea para Política Exterior, Josep Borrell, que a entrada de Ucraína na Organización do Tratado do Atlántico Norte “implicaría pasar á Terceira Guerra Mundial”.

Pola súa parte, o Comité Internacional da Cruz Vermella reclamou a Moscova e Kíiv acceso “inmediato” a todos os prisioneiros de guerra capturados no conflito.

Comentarios