Borrell ameaza con "aniquilar" o Exército ruso se usa armas nucleares en Ucraína

Kíiv demanda máis sistemas antiaéreos, mantendo que só ten 10% de todos os que precisa, en paralelo, a UE ameaza Rusia no caso de usar armas nucleares en Ucraína.
Josep Borrell, Alto representante da Unión Europea para Política Exterior. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Josep Borrell, Alto representante da Unión Europea para Política Exterior. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

“Un ataque nuclear [a Ucraína] terá resposta. Non unha resposta nuclear, pero unha resposta tan potente militarmente que o Exército ruso sería aniquilado”, advertiu onte o Alto representante da Unión Europea para Política Exterior, Josep Borrell.

Pola súa parte, o secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte, Jens Stoltenberg, apuntou que “non imos dicir exactamente como responderemos, pero fundamentalmente cambiará a natureza do conflito”, sen descartar un ataque nuclear ruso, como días atrás fixera o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden.

A pesar diso, a alianza militar liderada polos estadounidenses ratificou que non teñen indicios para soster que se producira algunha clase de “cambios” na postura de Moscova sobre esa cuestión.

Con respecto á participación de Kíiv no organismo, o ministro de Defensa, Oleksii Reznikov, afirmou após reunirse con Stoltenberg que “nos unimos de facto á OTAN”.

Ademais, o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, reclamoulle o envío de máis sistemas de mísiles antiaéreos, defendendo que só teñen 10% dos que precisan para defenderse, pouco despois de que París confirmara un novo envío de material militar. As autoridades de Kíiv denunciaron onte ataques rusos en arredor de 40 localidades 
do país.

Ao tempo, o primeiro ministro, Denis Shmigal, confirmou que o Fondo Monetario Internacional concedeu un novo préstamo de 1.300 millóns de euros a Ucraína para “fortalecer as capacidades defensivas, pagar as pensións e programas sociais e apoiar a economía”. Desde finais de febreiro, a institución entregou 2.700 millóns de euros a Kíiv.

Nord Stream

Rusia non aceptará as investigacións de Alemaña, Dinamarca e Suecia arredor da sabotaxe sufrida por unha liña do Nord Stream 2 e polas dúas liñas do Nord Stream 1 a finais de setembro “no caso de que os expertos rusos non teñan acceso ás accións da investigación”.

Nese sentido, “Moscova actuará partindo da base de que os citados países teñen algo que ocultar ou encobren os responsábeis deste acto terrorista”, que deixou case que inutilizado o gasoduto que une Rusia con Alemaña.

Asemade, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou na madrugada da cuarta á quinta feira unha resolución de condena pola incorporación de catro territorios ucraínos a Rusia, por 143 votos a favor, 35 abstencións e 5 en contra.

Comentarios