O Sinn Féin obtén unha histórica vitoria en Irlanda do Norte

A forza nacionalista irlandesa converteuse oficialmente, despois de darse a coñecer este domingo os resultados finais das eleccións parlamentarias, no partido con máis escanos na Asemblea de Irlanda do Norte, con 27 asentos.
Michelle O'Neill, no centro, liderou o Sinn Féin na vitoria das eleccións parlamentarias de Irlanda do Norte. (Foto:Niall Carson / PA Wire / dpa)
photo_camera Michelle O'Neill, no centro, liderou o Sinn Féin na vitoria nas eleccións parlamentarias de Irlanda do Norte. (Foto: Niall Carson / PA Wire / dpa)

O Sinn Féin converteuse oficialmente, despois de darse a coñecer este domingo os resultados finais das eleccións parlamentarias, no partido con máis escanos na Asemblea de Irlanda do Norte, con 27 asentos.

A xesta simbólica para o nacionalismo irlandés, que se converte por primeira vez na historia no primeiro partido na Asemblea, podería colocar a súa líder, Michelle O'Neill, á fronte do Goberno.

A formación supera así ao Partido Unionista Democrático (DUP), os leais á coroa británica, que obtivo 25 asentos. O DUP ostentou o cargo de primeiro ministro de Irlanda do Norte desde que se estabeleceu en 1998 un acordo de paz tras décadas de conflito.

O Partido da Alianza, unha formación liberal xurdida nos setenta como alternativa aos grandes bloques, afianzouse como como terceira forza con 17 escanos na Cámara. A participación na votación electoral foi de 63,5%, apenas un pouco por baixo do 64,8% de participación nas últimas eleccións de 2017.

Unha nova era

O'Neill declarou que os resultados "abandeiran unha nova era" para Irlanda do Norte. "Creo que se nos presenta ante todos unha oportunidade para reconfigurar as relacións sociais sobre a base da equidade, a igualdade e a xustiza social", declarou.

A continuación, a presidenta do Sinn Féin, Mary Lou McDonald, chamou á restauración inmediata dun Executivo en Stormont tras meses de disputas políticas. "Espero que Michelle O'Neill sexa nomeada como primeira ministra, e pido a todos que respiren fondo para que se dean conta da enorme responsabilidade que todos compartimos", indicou.

"O voto unionista segue sendo forte e estou moi satisfeito con como lle foi ao DUP nas nosas circunscricións", declarou Jeffrey Donaldson, líder do DUP, antes de eludir calquera declaración sobre o futuro do Goberno. "Cruzaremos todas as pontes cando cheguemos a elas", limitouse a dicir.

Pola súa parte, a líder do Partido da Alianza, Naomi Long, declarou que sen Goberno en Irlanda do Norte non se pode conseguir nada e pediu que a súa formación teña presenza nun futuro Executivo. "Creo que, dados todos os desafíos aos que nos enfrontamos, a xente non nos vai perdoar se desperdiciamos esta oportunidade. Temos que entrar no Goberno", declarou.

Parabéns desde a Galiza

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, deu os parabéns a Michelle O’Neill pola vitoria do Sinn Féin nas eleccións parlamentarias de Irlanda do Norte este sábado, cando, a falta dos últimos recontos, o reparto de escanos xa deixaba clara quen sería a primeira forza. “Parabéns! É o tempo do cambio real. É o tempo das mulleres”, declarou Pontón.

Comentarios